Xaquedrum organiza o I Torneo de Xadrez para Ensino Medio en Lugo

LugoXa
O evento desenvolverase na Praza de Abastos de Lugo e contará coa participación de 94 estudantes procedentes de sete centros de ensino medio
Torneo-de-Xadrez-Xaquedrum-Lugo-2024
9 Apr 2025

Lugo acollerá o este xoves 10 de abril, ás 10.00 horas, a primeira edición do Torneo de Xadrez no Ensino Medio, organizado por Xaquedrum, unha iniciativa pioneira que busca fomentar o interese polo xadrez entre a mocidade da cidade.

O evento desenvolverase no soto da Praza de Abastos de Lugo e contará coa participación de 94 estudantes procedentes de sete centros de ensino medio da cidade. Cada centro poderá presentar un máximo de 20 xogadores e xogadoras, que competirán nun formato individual, aínda que o resultado final tamén terá en conta o rendemento por equipos.

O sistema de xogo será suízo a cinco roldas, con partidas de dez minutos por xogador/a e un incremento de tres segundos por movemento. A clasificación final de cada instituto determinarase pola suma dos resultados das súas catro mellores puntuacións individuais. En caso de empate, considerarase o rendemento do quinto membro do equipo.

O torneo repartirá trofeos aos tres mellores institutos e tamén ao/á mellor xogador/a de cada curso. Ademais, todos os participantes recibirán un agasallo e poderán degustar pastas elaboradas polo ciclo de Hostalería do IES Sanxillao, que tamén colabora na iniciativa.

Esta proposta xorde como resposta ao crecente interese polo xadrez entre a mocidade lucense e busca consolidarse como unha cita anual no calendario educativo da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.06818413734436