Xardíns verticais dende Lugo para mellorar o benestar psicolóxico, a calidade do aire e reducir o ruído

LugoXa
O Campus Terra da USC reverdece as paredes urbanas a través dun proxecto piloto de xardín vertical desenvolvido dende a EPSE
xardín_vertical
5 Ago 2024

Os xardíns tamén poden ser verticais: muros vexetais tanto interiores como exteriores que reverdecen paredes maximizando o uso do ben máis escaso na cidade, o espazo. Boa proba disto é o proxecto ‘Xardín vertical con planta viva, montable e monitorizado mediante app móbil polo usuario’, desenvolvido dende a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC, por Adolfo López Fabal, Mª Isabel Iglesias Díaz e Santiago Lamosa Quinteiro. O traballo céntrase na creación de módulos de xardín vertical sostible, facilmente montable polo usuario/a final, e que ademais poida ser controlado dende unha aplicación móbil.

“En xeral, a construción de edificios nas cidades ten efectos nocivos no medio ambiente porque os procedementos empregados para a construción e o mantemento non se adaptan a unha perspectiva ecolóxica”, explica o profesor do Campus de Lugo, Adolfo López Fabal. A construción de xardíns verticais nunha contorna urbana achega numerosas vantaxes ambientais como a redución de ruído; o aumento da calidade do aire ao captarse po, verse reducidos os niveis de CO2 e aumentar os de osíxeno; o amortecemento das temperaturas; aumento da biodiversidade; ou mellora en xestión de augas pluviais, entre outros aspectos.

Por outra banda, continúa o profesor López Fabal, a instalación de xardíns verticais achega tamén vantaxes sociais e económicas como a mellora do valor estético do ambiente tanto exterior como interior dos edificios, o aumento do valor da propiedade e o incremento do benestar psicolóxico a través da presenza de vexetación, que nos ambientes de traballo redunda na mellora da produtividade.

Selección das especies

Con todo, a tarefa de elaborar un xardín vertical supón unha serie de retos como, por exemplo, elixir as plantas máis acaídas para vivir nun ecosistema deste tipo xa que a variabilidade na dispoñibilidade de auga no muro implica interrogantes sobre a adecuada selección das especies vexetais e os sistemas de cultivo, “sendo este o punto máis crítico no correcto funcionamento dun xardín vertical”. Tamén hai unha serie de aspectos de sustentabilidade a ter en conta no deseño, entre os que se inclúen as esixencias ambientais das plantas, os materiais de fabricación usados e a xestión da auga de rega.

Así, unha parte do traballo desenvolvido dende a EPSE do Campus Terra consistiu en seleccionar especies de baixos requirimentos que polas súas esixencias ambientais puidesen adaptarse tanto ao interior como ao exterior. Finalmente, seleccionáronse cinco especies para a etapa de creación de módulos. A seguinte fase do proxecto consistiu na montaxe de módulos de xardíns verticais de 2 metros de alto e 1,5 metros de ancho con sistema hidropónico recirculante. En concreto, comparáronse dous sistemas de soporte: un de tea con petos fabricados in situ por grampado a partir de tecido reciclado; e outro de la de rocha.

Aplicación para móbiles

En tres paneis de cada sistema comparouse o crecemento e a adaptación ás distintas posicións no xardín das cinco especies anteriormente seleccionadas, para o que cada unha instalouse verticalmente en dúas columnas dentro de cada panel. O crecemento e a cubrición do panel por cada especie séguese mediante análise de imaxe. A instalación de sensores permite rexistrar datos de parámetros importantes sobre o funcionamento do xardín. A aplicación para dispositivos móbiles coa que conectan os devanditos sensores serve para consultar os datos en calquera momento e tamén enviar alarmas para a realización de tarefas de mantemento.

De feito, dende a EPSE, no marco deste proxecto piloto, estase a comprobar o sistema de sensorización comparando distintos sensores para cada parámetro e a programación de alarmas para o usuario. Os parámetros de control son: nivel de auga no depósito, a comprobación das regas, calidade da solución nutritiva, iluminación en distintas zonas do panel e humidade do panel a distintas alturas.

O proxecto desenvólvese ao abeiro das axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A entidade beneficiaria é a empresa A Man de Prado SLU (Sober, Lugo), mentres que a USC participa no proxecto como institución subcontratada.

0.079000949859619