Xavier Blanco ofrece un percorrido pola música de raíz galega nun concerto didáctico no Centrad

A Tradescola ofrecerá un concerto didáctico de Música de Raíz Galega da man do recoñecido músico e investigador Xavier Blanco. A actividade, patrocinada polo propio Centrad, será ás 17.00 horas no Centrad e aberta ao público familiar e de balde ata completar aforo.
Nesta representación, Xavier Blanco guiará unha viaxe sonora a través dos instrumentos máis primitivos e auténticos da tradición musical galega: o Choquen, a Esbila, a Cabra fanada, a Frauta do cuco ou a Gaita de cana serán só algúns dos protagonistas. Co seu saber e destreza, Blanco devolverá á forza sonora do pasado, cunha posta en escena chea de sabedoría e sentimento.
Herdeiro da saga familiar dos “Soledás”, Blanco leva máis de 40 anos dedicados á recollida, estudo e difusión do folclore, gravando e catalogando documentación por toda Galicia. O seu arquivo inclúe centos de bailes tradicionais hoxe esquecidos, como o paso redondo, o tras-tras, o canizo ou o baile mouro.
Posúe unha colección de máis de 900 instrumentos tradicionais galegos, clasificados segundo as súas características e usos, e dedícase tamén á súa construción e restauración seguindo métodos ancestrais e materiais naturais.
Con cinco discos publicados e unha ampla presenza en documentais e programas da CRTVG, Xavier Blanco foi recoñecido coa XIX Edición do Premio IAR de Folclore Galego e distinguido como Mestre da Memoria pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.