Xavier Queipo presenta en Lugo 66, a súa nova colección de relatos breves

A Libraría Trama acollerá este mércores 19 de novembro, ás 19:00 horas, a presentación de 66, a máis recente obra de Xavier Queipo publicada por Xerais. O escritor estará acompañado polo tamén autor Abraham Pérez nun encontro aberto ao público.
Queipo, considerado un dos narradores galegos que máis cultivou a forma breve, celebra o seu 66 aniversario con este volume composto por sesenta e seis relatos, aos que incorpora un limiar de carácter explicativo. A primeira sección, titulada «Relatos atópicos», reúne contos no sentido máis estrito, aínda que con viraxes inesperadas; a segunda, «Gabinete de curiosidades», evoca o espírito das súas prosas iniciais en Contornos (1993) e Mundiños (1995); mentres que «Prosas finiseculares» recompila fragmentos do diario persoal do autor escritos na última década do século XX.
Do mesmo modo que acontecera con 55 (Xerais, 2014), 66 ofrece un mosaico de historias que se moven na fronteira entre o real e o imaxinado, con abundantes referencias eruditas e evocacións de vidas xa vividas ou por vivir. O resultado é un Queipo en estado puro, que regresa á experimentación temática e formal para construír un libro que celebra tanto a madurez literaria como o desexo permanente de explorar novos camiños narrativos.