Xestións e urnas a pé de rúa en Lugo pola falta de accesibilidade en Sindicatos: “É patético e inhumano”

LugoXa
Auxilia Lugo volve a denunciar a inaccesibilidade do edificio sindical de Lugo, no que o montacargas segue sen arranxarse
auxilia_lugo
Nuria Neira co usuario Diego Moldes,
30 Maio 2024

Por Lucía Blanco

Auxilia Lugo volve a denunciar a inaccesibilidade do edificio sindical de Lugo, no que o montacargas segue sen arranxarse. “Seguimos reivindicando a problemática. Empezamos a estar fartos desta situación, porque sigue todo igual. Non se fixo ningunha modificación”, explica Nuria Neira, a delegada.

Acompañada por Diego Moldes, un dos usuarios, o colectivo deu a coñecer as dificultades que sofren as persoas con discapacidade ou mobilidade reducida que queiran acceder ás instalacións. “Non o poden facer, é inviable porque non é accesible”. Esta situación implica que no caso de que necesiten facer unha xestión no espazo ou acudir a unha inspección laboral se teñen que trasladar á rúa, “onde pasa moita xente e se acaba enterando do que estás falando”.

Aínda que non queren enfocar as dificultades nun día electoral, o domingo 9 haberá eleccións e a problemática afectará ao dereito a voto dalgúns lucenses, que o terán que facer tamén na rúa. “Outra problemática que atopamos nas é que os que están na mesa non ven aos que están fóra esperando para votar. Nos últimos comicios o policía que estaba nese momento avisaba que baixaran as urnas á rúa. Senón estás impedindo a que os que van sós poidan exercer o seu dereito a voto porque non pode avisar”, explica.

Neira asegura que xa deron tempo suficiente para que a situación mudara. “En agosto a única contestación que tivemos por parte do Ministerio propietario deste edificio é que se ía a arranxar na maior brevidade posible e seguimos igual”. A delegada lembra o “montacargas en desuso” e o lixo que se acumula. “Teríaselles que caer a cara de vergonza de ter un edificio pegado á Muralla nese estado.  Aínda que entendo que o lixo non é culpa do Ministerio, senón da falta de civismo da xente. Nós de feito cansámonos de poñer carteis para ver se a xente reaccionaba e acababan arrancándoos”, conclúe.

0.19097495079041