Xestur pon á venda na provincia 180.000 metros cadrados de solo empresarial bonificado

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Xestur pon á disposición das empresas 179.980,98 metros cadrados en polígonos localizados na provincia de Lugo.
poligono as gandaras Lugo
14 Feb 2023

Xestur pon á disposición das empresas galegas ou daquelas interesadas en asentarse na Comunidade un total de 892.927,65 metros cadrados de parcelas urbanizadas en 37 parques propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). Deste total, 179.980,98 metros cadrados correspóndense con polígonos localizados na provincia de Lugo, onde o tecido empresarial poderá acceder a esta superficie a prezos bonificados.

Con este fin, a empresa pública Xestur abre hoxe, 14 de febreiro, o prazo para a presentación de ofertas ao concurso público de adxudicación de solo a prezos bonificados nos polígonos que están baixo a súa propiedade. As ofertas poderán presentarse ata o vindeiro 14 de marzo.

En total, sácanse á venda 215 parcelas que suman 517.720 metros cadrados, aos que ao longo de 2023 se unirán outros 86.521 metros cadrados correspondentes á ampliación do parque empresarial de Xinzo de Limia, actualmente en desenvolvemento.

Pola súa parte, o IGVS ofrece 288.686,96 metros cadrados de parcelas, que se adxudicarán segundo o establecido nas bases do concurso vixente. No caso do IGVS as parcelas poderanse solicitar en calquera momento.

Todas as parcelas que ofrece a Xunta, tanto as promovidas polo IGVS como por Xestur, se venden a prezo bonificado, con descontos do 50% nas provincias de Lugo e Ourense, Ferrolterra, Costa da Morte e fronteira portuguesa, e do 30 % nos parques restantes.

Ademais da adxudicación en compravenda existe tamén a posibilidade de acceder ao solo en dereito de superficie, pagando un reducido canon anual (1,5% anual do prezo os dous primeiros anos), en alugueiro e en compravenda con pago aprazado.

Na provincia de Lugo, o concurso convocado por Xestur inclúe 40 parcelas cunha superficie total de 63.353,98 metros cadrados. O maior número de parcelas está nas Gándaras, Lugo, con 18, mentres que en Muimenta hai 13 e lugo en Viveiro 6 e en Cervo 3.

Ao solo ofertado pola empresa pública súmase o que ofrece tamén o IGVS, que se pode solicitar en calquera momento, nos concellos de Monterroso, Monforte, Xermade, Lourenzá, Taboada, Qurioga e Bóveda.

2,9 millóns de metros adxudicados

Dende que en 2015 se implantaron as bonificacións do 30% e do 50% no prezo de venda de solo industrial baixo a súa titularidade, a Xunta de Galicia adxudicou nos seus parques empresariais preto de 2,9 millóns de metros cadrados.

Dese total, adxudicáronse en compravenda 2.555.044,57 metros cadrados, con bonificacións por importe de máis de 83 millóns de euros. Ademais, adxudicáronse 324.452,23 metros en dereito de superficie, cun valor total de máis de 22,24 millóns de euros, polo que a aposta da Xunta de Galicia por incentivar a actividade das empresas asentadas en Galicia acada os 105,24 millóns de euros.

En total son 565 as empresas adxudicatarias de solo e estímase un investimento pola súa parte de máis de 800 millóns de euros e a creación de máis de 8.000 empregos.

Solo en desenvolvemento

Por outra parte, a Xunta traballa actualmente no desenvolvemento de máis de 6,8 millóns de metros cadrados de solo empresarial, dos que máis de medio millón de metros cadrados están en fase de urbanización, máis de 3,1 millóns de metros cadrados en redacción de documentos técnicos e máis de 3,1 millóns de metros cadrados en fase de estudos previos.

En concreto, no caso da provincia de Lugo estase a traballar na dotación de novo solo empresarial nos parques das Gándaras (Lugo), Palas de Rei, Xove, O Corgo e Meira.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19833493232727