Xesús Alonso Montero e Rafael de Vega serán propostos como Fillos Adoptivos de Lugo

LugoXa
Sobre a proposta de Xesús Alonso Montero, o BNG anunciou que non apoiará este nomeamento ao tratarse "dunha figura que non crea consenso entre a veciñanza"
Xesús-Alonso-Montero-e-Rafael-de-Vega
11 Feb 2025

Xesús Alonso Montero e Rafael de Vega serán propostos como Fillos Adoptivos de Lugo no vindeiro pleno municipal en recoñecemento ás súas destacadas achegas ao campo da educación e a sanidade, dous dos servizos públicos máis esenciales para o benestar e igualdade da cidadanía. Este recoñecemento destaca o traballo e compromiso destes dous referentes lucenses en áreas clave para a sociedade.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, subliñou que tanto Alonso Montero como De Vega son figuras "inspiradoras, exemplares e irrepetibles para Lugo", resaltando o seu importante papel na mellora dos servizos públicos da cidade. "Vocacións que exerceran cunha clara proxección social, e que puxeron o foco na loita non só por manter, senón por incrementar, os servizos públicos fundamentais para calquera sociedade de benestar", afirmou.

Xesús Alonso Montero, recoñecido intelectual e académico, deixou unha pegada indeleble na formación de xeracións de estudantes en Lugo. Entre 1960 e 1975, Alonso Montero exerceu como profesor no IES Lucus Augusti e na Escola de Maxisterio, e foi un activo defensor da lingua galega e da cultura galega. Trasladouse a Santiago de Compostela, onde ocupou a cátedra de Literatura Galega e foi presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017. O seu compromiso coa identidade galega transcendeu fronteiras e fixo que o recoñecemento a súa figura sexa tamén unha reivindicación da lingua galega a nivel nacional e internacional. Esta proposta de nomeamento chega tras a solicitude de ex alumnos, compañeiros e veciños que queren rendir tributo ao seu legado.

Por outra banda, Rafael de Vega destacou na súa traxectoria como médico e director do Hospital Municipal de Lugo, onde loitou pola mellora das condicións sanitarias da cidade e pola creación dun novo hospital. A súa visión innovadora e compromiso co dereito universal á saúde foron fundamentais para modernizar a sanidade lucense. De Vega tamén foi deputado nas Cortes republicanas, onde se destacou pola súa loita pola igualdade no acceso aos servizos sanitarios. A súa traxectoria foi truncada en 1936 cando foi asasinado polos sublevados franquistas. A súa figura simboliza a loita pola xustiza social e os dereitos humanos na cidade.

POSICIONAMENTO DOS DEMAIS PARTIDOS POLÍTICOS

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Lugo fai público o seu posicionamento sobre a proposta sobre o nomeamento de novos fillos adoptivos para a cidade. O BNG estaría a favor do nomeamento do doutor Rafael de Vega, como "un recoñecemento máis a unha persoa que sufriu a persecución por razóns políticas e ideolóxicas durante a guerra civil".

O BNG destaca que a figura de Rafael de Vega "é un claro exemplo da represión e da necesidade de manter viva a memoria de todas as persoas que foron asasinadas por defender os seus ideais", ademais, o BNG destaca a vinculación de Rafael de Vega con Lugo "ao ser elixido Deputado na II República".

Sobre a proposta de Xesús Alonso Montero, o BNG anunciou que non apoiará este nomeamento ao tratarse "dunha figura que non crea consenso entre a veciñanza após os seus posicionamentos polémicos en diferentes temas".

A organización reclama tamén que se avance na igualdade nos recoñecementos honoríficos da cidade, e reclama maior esforzo para garantir a presencia de mulleres nestas distincións.

"Actualmente, o Concello de Lugo recoñece como Fillos da Cidade (Adoptivos, Preclaros ou Predilectos) a 23 persoas, entre as que non se atopa ningunha muller", conclúen.

Pola súa parte, o Grupo Municipal do PP mostrou o seu apoio ao nomeamento do médico Rafael de Vega e do catedrático Xesús Alonso Montero como fillos adoptivos da cidade, "en recoñecemento ás súas destacadas traxectorias e á súa contribución á sociedade lucense e galega”.

Elena Candia explicou que “a súa aportación intelectual, a súa calidade humana, a súa vocación de servizo público así como o seu compromiso coa cidade de Lugo fannos merecedores deste recoñecemento".

Os populares subliñan que o catedrático Xesús Alonso Montero converteu Lugo nun referente académico e intelectual, destacando con luz propia nunha cidade  á que  sempre se sentiu ligado e onde deixou unha fonda pegada.

Rafael de Vega, director do hospital e deputado de Lugo que sempre se preocupou polos que máis o necesitaban, sobresaindo polo seu labor como médico. A súa humanidade e valía tiveron na intransixencia e a violencia un final que nunca debeu ter acontecido.

Finalmente, Esquerda Unida tamén aplauden a proposta da alcaldesa, Paula Alvarellos, de nomear fillos adoptivos de Lugo a Rafael de Vega Barrera e a Xesús Alonso Montero. "No caso de Alonso Montero, apoiamos a iniciativa levada adiante por exalumnos, amigos e camaradas do profesor, e lamentamos o comportamento sectario do BNG de Lugo por opoñerse ao seu nomeamento", sostiveron.

"Alonso Montero impartiu clases en Lugo durante case dezaseis anos, en pleno franquismo, converténdose nun referente intelectual e político na nosa cidade. Trátase dunha persoa que sempre conxugou, de maneira inseparable, a súa internacionalismo e o seu amor pola lingua e a cultura galega, demostrando unha profunda solidez nas súas conviccións ético-políticas", subliñaron.

E engadiron que "o BNG de Lugo non ten en conta que Alonso Montero leva desenvolvendo desde hai preto de setenta anos un eminente labor como galeguista, facéndoo ademais nun momento en que a defensa pública da lingua galega tiña un gran mérito, debido a que requiría de valentía".

En definitiva, dixeron que "con esta distinción, Lugo recoñece a Xesús Alonso Montero polo seu papel clave na formación de xeracións de estudantes e na defensa da lingua galega".

POSICIONAMENTO DE CCOO

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia amosou o seu total apoio ao nomeamento de Xesús Alonso Montero como fillo adoptivo de Lugo, un recoñecemento que considera "máis ca merecido" polo seu longo percorrido de loita e compromiso coa lingua e a cultura galegas, así como pola recuperación da democracia no país.

A organización sindical agradeceu ao Concello de Lugo este "xesto de xustiza" cunha figura clave na historia recente de Galicia.

Desde CCOO destacan que a valía de Alonso Montero "está fóra de discusión", recordando que en 2004 a súa fundación lle concedeu un dos Premios 10 de Marzo polo seu papel na defensa dos dereitos da clase traballadora e na loita contra o franquismo. Ademais, en 2012, a Unión Comarcal de CCOO de Vigo tamén lle outorgou unha distinción nos Premios Primeiro de Maio ao Compromiso Social e á Solidariedade.

0.21479105949402