XIV Aberto de Billarda do Minho reúne 77 participantes nunha xornada marcada pola choiva

O espazo Navelgrado Area acolleu este domingo, 23 de novembro, o XIV Aberto de Billarda do Minho, considerado o torneo máis socialmente comprometido do circuíto. A organización correu, unha vez máis, a cargo do Centro Social Mádia Leva, que volveu artellar un evento impecable a pesar das duras condicións meteorolóxicas.
Ata 77 palanadoras e palanadores acudiron á chamada para disputar a terceira xornada da Liga da Conferencia Norleste. Enfundados en chubasqueiros e roupa de abrigo, resistiron unha choiva persistente que acompañou toda a competición. Nin a friaxe nin o tempo adverso arredaron a unha tribo billardeira xa curtida, que demostrou solvencia e mesmo golpes espectaculares para superar o varal nun terreo esvaradío.
O regreso das choivas semella estar a favorecer ás Troitas Bravas, que nesta ocasión conseguiron impoñerse, por só un punto, aos Billardeiros Musicais, invictos até o de agora na tempada. O terceiro chanzo por equipos foi para a formación liderada polo coñecido “showman do Mandil”, Gundar da Pena Estúa, o único capaz de concluír a xornada cos calcetíns secos. Mantén así o pulso co líder da clasificación, o palanador Marcos Rodríguez Rodríguez, de Billardeiros Musicais.
Na categoría infantil, Mateo sumou 16 puntos e mantense no primeiro posto, seguido por Antía, con 11, e por Mateo, de Mádia Leva, con 4 puntos. Na categoría de donas destacou o regreso de Aroa Fiallega, que, tras ausentarse da anterior xornada, volveu con forza e alcanzou o primeiro posto con 17 puntos. No podio acompañárona Cris e Vanessa, ambas do Castiñeiro Milenario, con 14 e 12 puntos respectivamente.
Na categoría absoluta, David Navallo, coñecido polo seu espírito combativo tras “remontar o Eo para se converter en Troita Brava”, soubo aproveitar as pozas de Nadela para recuperar a súa mellor forma. Sumou 21 puntos e impúxose por diante de Santi de Carabullo, con 20, e de Manu Pozo, dos Billardeiros Musicais, con 19 puntos.
A próxima cita será o 14 de decembro, coa estrea dun novo Aberto no calendario da Conferencia Norleste, que terá lugar en Friol.