Xoán Hermida presenta dous libros seus na libraría Trama
A libraría Trama de Lugo acollerá o próximo xoves, 23 de xaneiro, ás 19:00 horas, a presentación de dúas novas obras do escritor e ensaísta Xoán Hermida: Un gigante entre pigmeos. Rescatar a Marx de los “marxistas” (Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo) e En defensa de la democracia [real]. Auge y ocaso de la ‘nueva política’ en España (Foro OBenComún).
Na presentación, Hermida estará acompañado polo filósofo lucense Juan Carlos Naveiro, nunha conversa que abordará os temas centrais das obras, que comparten un fío condutor: a relación entre revolución e democracia, e o resumo crítico dun tempo histórico.
Os libros propoñen unha reflexión sobre dúas das grandes forzas motrices que definiron o pensamento político a inicios do século XX: a revolución, como motor de cambio sistémico, e a democracia, como expresión de liberdade. Ambas forzas, herdeiras do pensamento ilustrado e moderno desenvolvido nos séculos XVIII e XIX, conflúen na obra de Karl Marx, pero a súa interpretación posterior diverxiu significativamente.
Como destaca Hermida, a construción dunha liturxia marxista e as saídas totalitarias á primeira gran crise do liberalismo significaron, no campo da esquerda, o triunfo da visión leninista e a separación entre democracia e revolución. Intentos posteriores por unir novamente estes dous conceptos fracasaron debido a cuestións epistemolóxicas ou á deriva autoritaria dunha esquerda que, en moitas ocasións, xustificou modelos totalitarios baixo unha aparencia de anti-capitalismo ou anti-imperialismo.
Os libros propostos por Hermida reivindican tanto o pensamento revolucionario e ilustrado de Marx, liberado das interpretacións marxistas, como a necesidade de defender unha democracia auténtica, afastada tanto do utopismo como das desviacións autoritarias.
A cita en Trama ofrece unha oportunidade única para reflexionar sobre estas cuestións fundamentais