Xornada partida ou continua

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
O pupitre é a sección do mestre Julio Díaz no que trata os temas de actualidade no ámbito educativo cun toque persoal
julio diaz foto colaborador lugo
15 Dec 2023

Por Julio Díaz

Escoito con preocupación que o Consello Escolar de Navarra aprobou no seu ditamen o proxecto de Orde Foral polo que se establece a xornada escolar partida para todos os colexios públicos de Infantil e Primaria. Trátase dunha volta ao tradicional modelo de clases pola mañá e pola tarde, que nos derradeiros anos e, especialmente tras a covid, perdeu peso na maioría dous centros educativos españois en detrimento da xornada escolar continua ou intensiva de clases só en horario matutino.

Para afondar no debate aparece un informe da OCDE, Organización para a Cooperación e o Desenrolo Económico, que fai unha aposta pola xornada partida dos centros educativos, alegando que a continua prexudica a equidade do alumnado, cando outro informe do mesmo organismo di que Galicia é unha das comunidades con máis equidade no estudo. Si Galicia ten case un 90% dos centros con xornada continua é totalmente contraditorio co que agora presentan neste informe.

O que si di este informe, e ninguén resalta, é que un profesorado mellor remunerado, os centros con máis recursos, unha revisión das políticas de admisión do alumnado e de elección de centro, que garanta que os alumnos se distribúan de maneira máis heteroxénea entre os centros educativos reducindo a segregación escolar, máis F.P é o que favorece que a fase de abandono temperá diminúa e o aumento na calidade do ensino se produza.

A pesar de que a grande diversidade de estudos sobre un tema tan controvertido segundo ou enfoque de expertos, profesores e familias non poden afirmar con rotundidade cal é o modelo máis beneficioso para mellorar o proceso de ensino-aprendizaxe.

Eu como docente e, ante a falla de estudos contundentes que non se vexan influenciados por intereses variados, prefiro unha xornada escolar continua, xa que penso que os nenos presentan o seu nivel máis alto na “curva de atención” en horarios de mañá. Tamén é mellor que acaben antes e poidan realizar outro tipo de actividades, sen que a súa xornada se prolongue moito. É un dos problemas que temos no noso país, que a xornada dos nosos rapaces, cando rematan a xornada escolar, a extracurricular e tempo libre adéntrase xa na noite facendo que as xornadas sexan interminables.

É importante non confundir a xornada educativa dos nosos alumnos coa xornada asistencial e os centros escolares non deben responder ás necesidades das familias desde un punto de vista da conciliación, senón dende un punto de vista educativo e as administracións non deben liquidar este problema conciliatorio pola vía rápida “aparcando aos rapaces” dentro das aulas.

As propias conversas con pais/nais tampouco dan idea de consenso. Os partidarios da continua ven unha molestia desprazarse catro veces ao día aos centros educativos (se os seus fillos non quedan ao comedor) e agradecen poder pasar máis tempo con eles en caso de non traballar polas tardes.
Tamén entenden que é mellor para os rapaces condensar as horas lectivas na mañá e permitir dispor de máis tempo libre para eles.

Outros veno de forma distinta e prefiren a xornada partida, xa que lles sería imposible poder organizarse para recollelo pronto e ademais consideran que os rapaces están máis “relaxados” ao facer unha parada para comer, descansar un anaco, en lugar de comer máis tarde.

Resulta interesante ver os argumentos de defensores e detractores; argumentos que se repiten por parte dos que defenden ambas as posturas. Argumentos interesados xa que a día de hoxe non existe ningún estudo que aclare rotundamente sobre os beneficios ou prexuízos dun tipo de xornada sobre outro. O debate en si ten máis de político que de mellora educativa.

Rematar dicindo que a xornada escolar non é un capricho do profesorado, xa que para implantala ou modificala fai falla unha maioría cualificada na que participan as familias, o Consello Escolar do Centro e o claustro de profesores. Unha garantía.

0.19397807121277