Xose González: “Cova Eirós é un espazo arqueolóxico impresionante e iso quixemos mostrar no documental”

Jessica Fernández
Como comezou no mundo audiovisual?
Eu gradueime en 2004 do ciclo de Realización Audiovisual na Coruña e durante uns anos traballei de montador en diferentes produtoras audiovisuais. Coa crise de 2010-2011 a industria estaba nun mal momento e matriculeime en Arquitectura Efímera, na escola Mestre Mateo, que tardei 6 anos en sacalo, porque afortunadamente seguín traballando cando me chamaban de diferentes produtoras. Nas prácticas do ciclo coñecín a Idoia Cuesta, que é creadora téxtil en Cela, Outeiro de Rei, e comecei a traballar con ela á vez que xa estaba montando o meu documental, que comecei a gravar no 2011, coincidindo con esa crise da que falaba.
Como xorde a idea de producir un documental sobre a Cova Eirós de Triacastela?
A idea do proxecto nace en 2010 cando pensamos en desenvolver un produto audiovisual que servira como serie de televisión sobre os puntos de interese xeolóxico de Galicia. Así, descubrimos a Cova Eirós, onde os arqueólogos levaban traballando desde o ano 2008, e vimos que era un xacemento moi importante porque se tiña documentado a ocupación da cova por parte dos neandertais. Coincidencias da vida, coincidín co arqueólogo, propúxenlle este proxecto, pareceulle interesante e puxémonos mans á obra coa elaboración da memoria, presentámolo ao equipo de arqueólogos da USC e gustoulles moito porque ademais o seu labor tamén ten unha parte de divulgación. Tivemos que falar tamén con Votorantim, que teñen unha concesión sobre a canteira onde se atopa a Cova Eirós, e deixáronnos gravar.

Foi un proceso de gravación e montaxe longo.
Comezamos a gravar no ano 2011 e fomos tamén no 2012, 2013, 2016, 2017 e 2018. É dicir, desde o ano 2011, fomos gravar de maneira intermitente. A idea foi ir nas campañas de arqueoloxía que se desenvolvían en agosto por parte dos arqueólogos e nós adaptabámonos a eles. En total, conseguimos gravar 130 horas de material, entre as que se atopaban tamén entrevistas, que despois decidín non incluír no documental Pareceume máis interesante enfocalo cara ao proceso de investigación dentro da cova en si mesmo, algo que nunca vira nun documental. Así, a montaxe foi un proceso moi difícil que nos levou varios anos.
Como é gravar nunha cova?
É incómodo. Pero non só por gravar aí dentro, senón todo o camiño ata alí. Non é que sexa un camiño longo, pero é dificultoso porque Cancelo, a parroquia, está nun val, e para chegar á cova hai un camiño estreito ao lado dunha parede vertical á que te tes que pegar porque do outro lado caes ao fondo do val se tropezas. Despois, é unha cova, nun espazo angosto, frío e húmido con moita xente, e metendo os equipos que levamos. Por iso lle demos tanta importancia no feito de estar alí en vivo e en directo mentres a xente traballaba. Ademais, vivimos achados mentres estivemos alí, como a aparición dun antigo lume de neandertais, o descubrimento de pinturas rupestres...
Todo este traballo e sen axudas, non?
Exacto, é un proxecto completamente independente. Só contamos coa axuda do Concello de Triacastela o primeiro ano, e para nós foi moi importante, porque axudaron cando facía falta, ao poñer en marcha o proxecto, pero logo non volvemos ter ningún tipo de axuda ou subvención. Porén, para seguir adiante fixémolo sos porque pensamos que era importante facelo. Os arqueólogos chegan, escavan, descobren algo ou non, e volven ao ano seguinte, con paciencia, con esmero. Intentamos reflexar iso de forma fiel aínda que non fose un proceso de produción audiovisual canónico e para iso houbese que arriscar apostando polo proxecto. Para min, esas son as cousas que lle dan valor ao filme.
Cales son as aprendizaxes máis relevantes durante a gravación?
Pois que fai falta moita constancia e fe inquebrantable nunha idea para mantela tanto tempo. E que o equipo é moi importante. No relativo a produción, o guión, a rodaxe e a montaxe nun documental independente poden superpoñerse de forma moi creativa. E penso que é fundamental ensinar a montaxe, cerca da súa versión final, en determinado momento a persoas de confianza con criterio para obter opinións que axuden a mellorala. A experiencia foi moi enriquecedora tamén porque a min sempre me gustou a historia, e neste sentido foi unha aprendizaxe tremenda, son afortunado e doulle as gracias a todos os que participaron e fixeron posible o proxecto.
Que máis se pode ver no documental?
O arco temporal que recolle o documental vai desde o ano 1996 cunhas imaxes dun grupo de espeleólogos que entran na Cova Eirós ata o ano 2018. Tamén se poden ver aos veciños de Cancelo, en Triacastela.
Que vén agora?
Tivemos dous estreas do documental, unha en Cancelo, que a verdade é que foi moi ben e á xente do pobo encantoulle, e outra nos cines Códex de Lugo, que tamén valoramos positivamente. Agora, o 4 de decembro volveremos aos Códex e o 20 de decembro presentaremos o documental na Sala Númax de Santiago de Compostela e a intención é seguir levando o documental por toda Galicia.