Xosé Manuel Méndez presenta este xoves en San Marcos o seu novo libro
O Pazo de San Marcos acolle este xoves 21 de decembro, ás 20.00 horas, a presentación do libro Edelmiro Méndez. Da terra que fomos, unha recompilación de imaxes do fotógrafo pontenovés Edelmiro Méndez publicada pola editorial Canela coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O autor do libro Xose Manuel Méndez e o editor Pablo Quintana, acompañados polo escritor Xoán Ramiro Cuba e o fotógrafo José M. Salgado, presentarán a publicación, que inclúe 219 fotografías en branco e negro realizadas por Edelmiro Méndez entre os anos 1957 e 1964 no concello da Pontenova e na contorna máis próxima, conformando un conxunto de gran valor histórico, etnográfico e documental que representa a sociedade local tradicional, recoñecible aínda por moitas persoas, cando iniciaba a transformación que se consolidaría anos despois.
O discurso visual do libro percorre o ciclo vital das persoas, que o fotógrafo rexistra desde o nacemento ata a morte, nas festas lúdicas e relixiosas, romarías, xogos, divertimentos, vodas, mallegas e outros aspectos do ciclo agrícola, festivo, etc.