Xosé Miranda gaña o XXIII Premio de Poesía Afundación coa obra 'As torres abolidas'

LugoXa
O escritor lugués, con ampla traxectoria e numerosos galardóns literarios, é recoñecido de novo polo seu labor poético
Xosé-Miranda-Premio-Poesía
3 Oct 2025

O escritor e profesor Xosé Miranda fíxose esta tarde co XXIII Premio de Poesía Afundación coa obra As torres abolidas. O certame, promovido por Afundación, a Xunta de Galicia e o Centro PEN Galicia, reafirma a súa condición de referente da creación poética en galego.

Xosé Miranda, nacido en Lugo en 1955, é licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor xubilado desta materia. A súa traxectoria literaria abrangue poesía, narrativa, literatura infantil e xuvenil, así como colaboracións en proxectos colectivos.

Ao longo da súa carreira foi distinguido con galardóns tan prestixiosos como o Premio Xerais en 1998 ou o Premio Merlín en 2002, ademais do García Barros en 1990 ou o Modesto R. Figueirido en 1988. Obras como Historia dun paraugas azul, Pel de lobo, Morning Star, Na terra sombría ou Carozo Azul consolidan a súa figura como unha das máis recoñecidas da literatura galega contemporánea.

No acto de entrega, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, puxo en valor a relevancia deste consolidado premio na axenda cultural galega e felicitou a Miranda por incorporarse a unha lista de galardoados na que figuran nomes tan destacados como Miguel Rodríguez Monteavaro, gañador da pasada edición, ou Yolanda Castaño, recoñecida co Premio Nacional de Poesía 2023. Lorenzo subliñou ademais o bo momento da literatura galega, que nos últimos anos vén acadar recoñecementos a nivel estatal, e desexoulle ao autor “moitos éxitos na súa vida literaria”.

⚙ Configurar cookies
0.10026979446411