Xubilados e pensionistas da CIG mobilízanse en varias cidades galegas en defensa da sanidade pública

GaliciaXa | LugoXa | ACoruñaXa | FerrolXa | PontevedraXa | VigoXa | OurenseXa
O colectivo denuncia o desmantelamento do sistema sanitario e advirte do impacto das listas de espera nas persoas maiores
Protesta_Xubilados_HULA_Lugo
26 Feb 2026

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG concentrouse esta mañá en centros de saúde da Coruña, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Compostela e Vigo, así como na porta principal do HULA en Lugo, para reivindicar a defensa da sanidade pública e o dereito a unha atención sanitaria digna e equitativa para todas as galegas e galegos.

As mobilizacións, que continuarán nos vindeiros meses, forman parte da campaña que o colectivo está a desenvolver para denunciar o que cualifican de desmantelamento e privatización do sistema sanitario e o impacto que este deterioro planificado ten, especialmente, sobre as persoas maiores.

O colectivo critica a situación que considera insostíbel como consecuencia das políticas aplicadas polo Goberno do PP na Xunta, ás que atribúe listas de espera inasumíbeis, derivacións recorrentes á sanidade privada e mesmo penalizacións para quen opta por manter a súa atención na pública.

Advirten de que, no caso das persoas maiores de 60 e 65 anos, de quen convive con doenzas crónicas e de quen precisa atención continuada, as demoras non son neutras, xa que agravan as patoloxías, incrementan a dependencia e, en demasiadas ocasións, provocan danos irreversíbeis.

Sinalan tamén as dificultades de acceso á Atención Primaria, que definen como a porta de entrada ao sistema sanitario, con centros de saúde nos que a espera para conseguir cita co médico ou médica de cabeceira supera xa os dez ou catorce días.

No ámbito hospitalario, a situación tampouco mellora. O colectivo asegura ter recibido denuncias de persoas que agardaron cinco anos por unha operación de cataratas, así como de pacientes que levan meses ou anos á espera dunha proba diagnóstica. Mesmo alertan de casos de persoas que perderon a saúde de forma irrecuperábel mentres permanecían nunha lista de espera.

Desde a CIG subliñan que a defensa da sanidade pública é unha cuestión de país, vinculada á xustiza social e á dignidade, especialmente para quen dedicou toda unha vida ao traballo. Reivindican que as persoas xubiladas e pensionistas non son números nin unha carga, senón cidadáns con plenos dereitos.

Por iso, reclámanlle ao Goberno galego que poña fin ao que denominan política de aniquilación da sanidade pública, que cese o desvío de recursos cara á privada e que planifique e dote ao sistema público dos medios humanos e materiais necesarios para garantir unha atención sanitaria digna e equitativa.

No marco desta campaña, durante o mes de febreiro instalaron mesas informativas nas rúas das principais cidades e vilas co obxectivo de recoller queixas e testemuños de persoas maiores sobre as dificultades que atopan para acceder á atención sanitaria, visibilizar esta realidade e organizar unha resposta social.

0.13091802597046