Xubilados e pensionistas mobilízanse en Lugo para reclamar melloras nas pensións

LugoXa
O Goberno local amosa o seu apoio ás demandas e avanza a posta en marcha inminente do Consello do Maior
Asociación-xubilados-e-pensionistas-Lugo
30 Jan 2026

A Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo concentrouse diante do Concello para trasladar un conxunto de reivindicacións relacionadas co sistema de pensións, a atención sanitaria e a defensa dos servizos públicos. Na mobilización estiveron presentes as tenentas de alcalde de Cohesión Social, Olga López Racamonde, e da Área de Xestión de Recursos Internos, Ana González Abelleira, que amosaron o seu respaldo ás demandas formuladas polo colectivo.

Unha vez rematada a concentración e de maneira espontánea, as responsables municipais ofreceron ás persoas representantes da asociación manter unha reunión no Salón de Plenos do Concello, coa finalidade de escoitar directamente as súas preocupacións e abrir un espazo de diálogo. Durante o encontro, Olga López Racamonde subliñou que as persoas maiores deben situarse no centro das políticas públicas e incidiu na necesidade de garantir espazos reais de participación que lles permitan expresar as súas necesidades e contribuír á toma de decisións que lles afectan de forma directa.

Un dos eixos principais da reunión foi o Consello do Maior, un foro de participación chamado a incorporar a visión das persoas maiores ao deseño das políticas municipais. Neste contexto, a tenenta de alcalde explicou que se están a ultimar os trámites administrativos necesarios para a súa posta en funcionamento, que será inminente, e destacou que non se concibe como un órgano simbólico, senón como unha ferramenta útil para construír políticas máis xustas e axustadas á realidade social.

Segundo indicou López Racamonde, o Consello do Maior permitirá reunir nun mesmo espazo ás asociacións de persoas maiores, ás administracións, aos sindicatos e ao tecido asociativo, co obxectivo de traballar de maneira conxunta. A concelleira puxo en valor a experiencia e o coñecemento deste colectivo e defendeu a importancia de escoitar, dialogar e actuar para ofrecer respostas eficaces ás súas necesidades.

A responsable municipal reiterou tamén o compromiso do Goberno local de traballar e interceder en todas aquelas reivindicacións nas que o Concello ten competencias, así como de prestar apoio institucional ás demandas que dependen doutras administracións. Nesa liña, asegurou que o Executivo municipal continuará defendendo os dereitos das persoas maiores e facilitando que as súas reivindicacións cheguen a todas as instancias necesarias.

⚙ Configurar cookies
0.083138942718506