Xunta e Concello chegan a un acordo para facer o centro de saúde do Sagrado Corazón

LugoXa
Estará situado na parcela do antigo colexio e suporá un investimento de máis de 4,8 millóns de euros
acordo-alcalde-conselleiro-sanidade
30 May 2025

A Xunta e o Concello de Lugo acadaron un acordo para construír o novo centro de saúde do Sagrado Corazón na parcela do antigo colexio, que suporá un investimento de máis de 4,8 millóns de euros.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado do delegado territorial da Xunta, Javier Arias Fouz, e da directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, reuniuse co alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, para abordar o futuro deste centro sanitario.

Ambas as administracións cuantificarán, agora, o custo dos accesos e da urbanización da parcela do antigo colexio para determinar o que debe financiar cada parte, tendo en conta as necesarias demolicións, estimadas en 1,8 millóns de euros.

O acordo permite construír o centro nun espazo axeitado, contribuíndo á rexeneración do barrio do Sagrado Corazón e, ademais, con espazos dispoñibles para o desenvolvemento futuro de novos proxectos.

Este entendemento entre a Xunta e o Concello vai permitir construír un centro de saúde que atenderá 10.000 persoas, tras reorganizar as cotas dos de San Roque e Illas Canarias.

Gómez Caamaño detallou que o novo centro, no que a Xunta investirá 3 millóns de euros, disporá de 7 consultas de medicina xeral e outras 7 de enfermería, ademais dunha sala de toma de mostras e espazos para docencia. Tamén contará cunha consulta de pediatría e outra de enfermería pediátrica.

O titular da carteira sanitaria incidiu en que a veciñanza e os profesionais do Sagrado Corazón precisan de xeito inaprazable o novo centro de saúde e, por iso, a Xunta convocou a reunión de hoxe co Concello, para traballar nos puntos en que as dúas administracións están de acordo, que son a urxencia da construción e o lugar idóneo para facelo, que é a parcela do antigo colexio.

A Xunta proponlle ao Concello que lle ceda unha parcela axeitada e libre de cargas, de acordo co procedemento habitual para a construción dos centros de saúde.

A Consellería de Sanidade xa ten traballo avanzado de estudo, partindo de que o espazo óptimo para a construción sería o que ocupa a pista deportiva.

A parcela do antigo colexio ten unha superficie moi superior á que é necesaria para a execución do centro de saúde e, ademais, conta con edificacións que hai que demoler.

Ao respecto o conselleiro dixo que a Xunta está disposta a asumir a titularidade do conxunto da parcela, así como parte do custo das demolicións.

Pola súa parte, o Concello farase cargo da urbanización da parcela e do seu mantemento, como é habitual na colaboración da Xunta cos gobernos municipais.

A Xunta avanza no seu compromiso coa modernización e renovación das infraestruturas sanitarias de atención primaria de Lugo, que se plasma na posta en marcha do Centro Integral de Saúde, cun investimento de preto de 17 millóns de euros, e a reforma da Milagrosa, do que xa se adxudicaron as obras que comezarán no verán, cun investimento de 3,2 millóns.

Para rematar a súa intervención, Gómez Caamaño dixo que logo deste acordo as dúas administracións darán os pasos necesarios para que o novo centro de saúde do Sagrado Corazón sexa unha realidade o antes posible.

⚙ Configurar cookies
0.15515899658203