Xunta e Concello de Friol poñen en valor o traballo realizado na Unidade de Atención Temperá

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, acompañada do alcalde de Friol, José Ángel Santos, visitou a unidade de Atención Temperá dos concellos de Friol, Guntín, Rábade, Begonte e Palas de Rei. Alí, destacou que estes recursos ofrecen un servizo personalizado e gratuíto ás familias con nenos de 0 a 6 anos que presentan problemas no seu desenvolvemento.
Na visita, tamén louvou o traballo que realiza esta unidade, que atende a máis de 50 familia, e abordou co rexedor e coas profesionais a proposta de ampliar o servizo para poder atender nenos máis aló dos 6 anos.
A directora xeral destacou que esta unidade forma parte da Rede Galega de Atención Temperá, que integra a 51 unidades que dan servizo a máis de 200 concellos e atenden a máis de 5.000 nenos e nenas de toda Galicia cun investimento anual por parte da Xunta de 8M€ enmarcado no programa FSE Galicia 2021-2027.
Begoña Abeijón sinalou que a aposta do Goberno galego por este servizo permitiu pasar de dúas unidades de atención temperá abertas no ano 2009 ata as máis de 50 da actualidade, que se seguirán vendo incrementadas nos próximos meses.