Xunta e Concello de Lugo firman o convenio para o intercambio de parcelas que permite facer vivenda pública

LugoXa
O Goberno autonómico acada seis parcelas onde se prevén construír 137 vivendas de promoción pública
convenio-miguel-fernandez-e-allegue
29 May 2025

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, asinou a permuta de parcelas entre o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia, coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Allegue, que “permitirá avanzar na construción de vivenda pública e reverter unha situación de parálise nos últimos 15 anos, ao tempo que garantimos a distribución de VPO por toda a trama urbana, evitando a concentración nos mesmos barrios”.

Para iso, o Concello cedeu ao Goberno autonómico seis parcelas en distintos barrios da cidade, como son Paradai de Arriba, A Piringalla e Montirón, e a cambio recibe dúas parcelas do Castiñeiro, que segundo explico o propio alcalde “serán destinadas a usos sociais e en beneficio dos e das lucenses con proxectos nos que xa estamos a traballar”.

Sobre o avance que se produce coa permuta destas parcelas en materia de vivenda protexida, Miguel Fernández destacou que “é froito da colaboración entre administracións, algo que como estamos a ver é crucial para acadar proxectos estratéxicos para a nosa cidade”, polo que lembrou que “xa dixen en varias ocasións e recentemente comuniquei tamén por carta ao presidente da Xunta a necesidade de reunirnos, de colaborar e traballar conxuntamente para progresar en temas e demandas esenciais para Lugo”.

O alcalde, que estivo acompañado do concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, do director xeral desta área e de técnicos municipais, insistiu en que “esta colaboración vai permitir que a Xunta reverta o grave déficit de vivenda pública que sufrimos na nosa cidade, tras 15 anos de parálise, e que responda á demanda entre os sectores con menos capacidade económica, como a mocidade”.

Fixo fincapé nesta necesidade ao lembrar que “o feito de que haxa máis de 2.000 persoas inscritas como demandantes de vivenda protexida é unha sinal evidente das necesidades de Lugo, polo que non chega soamente con anuncios senón que é crucial aportar solucións inmediatas con medidas complementarias para que esta lista de demandantes de vivenda pública descenda”.

Por último, o rexedor municipal insistiu en que “desde o Concello de Lugo imos seguir coa man tendida para avanzar neste e noutros proxectos, pero pedimos á Xunta que non perda de vista as posibilidades que ten Lugo e os plans aos que se pode acoller, para non perder máis oportunidades e en especial en materia de vivenda pública”.

Desde o departamento de Urbanismo se está a axilizar a concesión de licencias, a axilizar os trámites administrativos para favorecer a construción de novas promocións de pisos e a execución de obras en Lugo, tanto novas como reformas; por iso, tamén reclamou á Xunta de Galicia avanzar nas rehabilitacións comprometidas para outras zonas, como nas do barrio da Tinería.

O PROXECTO DA XUNTA

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, explicou que a Xunta acada seis parcelas onde se prevén construír 137 vivendas de promoción pública. Nunha destas parcelas, na rúa Illa Coelleira, a Xunta construirá o terceiro dos inmobles para aloxamentos temporais e compartidos para menores de 36 anos, no que se prevén 50 vivendas. A licitación da redacción do proxecto deste edificio publicouse hoxe na Plataforma de contratos de Galicia, por un importe de 304.508€.

Allegue salientou a importancia da sinatura deste convenio de permuta de parcelas entre a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo, “unha sinatura que é un exemplo claro de como a colaboración institucional permite avanzar con proxectos ambiciosos, sólidos e con marcado carácter social que supoñen solucións reais para a cidadanía”.

O inmoble de aloxamentos incluirá espazos comúns, zonas para o teletraballo, aparcadoiro para coches e bicicletas e lavandería, e está destinado a mozos e mozas que precisen unha solución transitoria por estudios, contratos de doutoramento ou bolsas. M. Allegue destacou que o Goberno galego xa ten 2 inmobles de aloxamentos compartidos en marcha, un en Santiago e outro en Vigo.

A titular de Vivenda e Infraestruturas sinalou que a Xunta ten en previsión construír un total de 87 vivendas protexidas máis nas rúas Paradai de Arriba e Ángelo Colocci, nas parcelas que agora pasarán a ser propiedade do Goberno galego, mostrando de novo “o compromiso firme da Xunta coa cidade de Lugo”.

Por último, M. Allegue recordou que no barrio de Garabolos estanse a executar 4 inmobles que suporán máis de 460 vivendas protexidas, e no centro histórico, na rúa Catedral 18 e 22, estanse a rehabilitar 2 edificios no marco do programa Rexurbe, para 2 fogares. Ademais, a Xunta ten marcha o concurso de ideas para a rehabilitación do Pazo de Dona Urraca e todo o ámbito do UI-8 da Tinería, impulsando así unha revitalización integral do casco histórico.

⚙ Configurar cookies
0.053034067153931