Xuntos por Lugo celebra este domingo unha xornada infantil en San Lázaro

A Asociación da cidade e do rural Xuntos por Lugo organiza este domingo 19 de outubro unha xornada de convivencia baixo o nome de “Xuntos polos nen@s”, que terá lugar no campo da Asociación de Veciños de San Lázaro. A iniciativa coincidirá co Día do Veciño que celebra esa mesma xornada a Federación de Veciños Lucus Augusti.
A programación comezará ás 12:00 horas coa actuación de Uxía Lambona, seguida dun vermut co Grupo Alba ás 13:30. A partir das 14:30 horas, celebrarase unha comida popular totalmente gratuíta con menú de xamón cocido, chourizos, churrasco, empanada e postre (as bebidas pagaranse no bar habilitado no campo).
A tarde continuará coa actuación musical de Pili Pampín ás 16:00 horas e unha nova actuación do Grupo Alba ás 17:30. Ademais, durante todo o día, os máis pequenos poderán gozar de inchables e pintacaras de balde.
O evento conta coa colaboración da Asociación de Veciños de San Lázaro e o apoio da Xunta de Galicia.