Xuntos por Lugo impulsa unha gala solidaria para apoiar o futuro parque infantil do HULA

LugoXa
A cita celebrarase este sábado, 3 de xaneiro, no pavillón do CEIP das Gándaras cunha programación pensada para toda a familia
CEIP-As-Gandaras-Lugo-mural
2 Jan 2026

A asociación Xuntos por Lugo organizará este sábado, 3 de xaneiro, a súa primeira gala solidaria coa finalidade de recadar fondos para o futuro parque infantil do Hospital Universitario Lucus Augusti. O evento terá lugar no pavillón do CEIP das Gándaras a partir das 16:30 horas e contará cunha ampla programación na que se combinarán maxia, música, deporte e artes escénicas.

A entrada terá un prezo de 5 euros, aínda que a organización tamén habilitou unha fila 0 para aquelas persoas que desexen colaborar coa iniciativa pero non poidan asistir á gala. Os fondos recadados destinaranse a un proxecto solidario impulsado pola área de Humanización do HULA, co obxectivo de crear un parque infantil no exterior da área de Pediatría que funcione como recurso terapéutico, permitindo xogar, aprender e contribuír ao proceso de recuperación das nenas e nenos, baixo o selo da cultura.

O cartel da gala inclúe a participación do recoñecido Mago Iago, que presentará un espectáculo de ilusionismo, así como actuacións do Coro da Ponte, do grupo de percusión Tambukada e da banda Gravitty. O programa completarase coa presenza do CPA O Corgo de Maxia, que ofrecerá tres exhibicións de patinaxe artística, e con demostracións deportivas de artes marciais, concretamente de jiu jitsu e judo.

A iniciativa nace cun marcado carácter solidario e familiar, co propósito de sumar esforzos arredor dun proxecto que busca humanizar os espazos hospitalarios e mellorar o benestar da infancia ingresada no HULA.

0.12227296829224