Xuvenciencia celebra mañá unha nova xornada
O grupo de innovación docente do Campus de Lugo XuvenCiencia organiza este venres, a partir das 12.00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, un coloquio sobre a carreira investigadora das mulleres co gallo da celebración do Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia.
Esta actividade contará como relatoras con varias integrantes do grupo XuvenCiencia pertencentes áreas de coñecemento e xeracións distintas. A temática da sesión, que poderá seguirse de xeito presencial, pero que tamén inclúe un coloquio telemático dirixido a estudantes preuniversitarios de toda Galicia que poderá seguirse a través da canle de YouTube de XuvenCiencia , xirará arredor do acceso das mozas ás profesións tecnolóxicas. A xornalista e investigadora da USC Marta Veiga Izaguirre será a encargada de moderar un coloquio no que intervirán como relatoras sete mulleres.
Participarán Laila Al-Soufi Novo, graduada en Bioloxía e máster en Xenómica e Xenética que é investigadora predoutoral no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago e o seu campo de traballo é a predisposición xenética a padecer doenzas psiquiátricas ou dependencia a drogas; Ana Couso Viana, graduada en Bioloxía e investigadora predoutoral na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo onde realiza a súa tese en Produción Vexetal, sobre o cultivo in vitro de plantas ameazadas e/ou endémicas e Saskia Flament Simon, docente e investigadora da Facultade de Ciencias do Campus da USC en Lugo, na área de Bioquímica e Bioloxía Molecular, onde estuda microorganismo mediante ferramentas da bioinformática e da bioloxía.
Tamén estarán Ana P. Losada, veterinaria e profesora de Anatomía Patolóxica no grao en Veterinaria do Campus de Lugo que forma parte do grupo de investigación Gapavet que traballa no benestar e a saúde animal na acuicultura; Mercedes Novo, profesora da área de Química-Física e que as súas investigacións empregan a luz para estudar sistemas de interese biomédico e tecnolóxico ademais de ser a coordinadora de XuvenCiencia e Montse Valcárcel, investigadora de Enxeñaría Agroforestal e imparte docencia de Hidroloxía nos graos de Enxeñaría Civil, Agrícola e Forestal e no mestrado de Enxeñaría de Montes, os seus eidos de traballo son a xestión da auga e o desenvolvemento rural.
Logo das quendas das investigadoras da USC participantes neste coloquio, poderá tamén partillar as súas reflexións e formular preguntas o alumnado dos centros que se conecten nesta sesión especial organizada para conmemorar o Día das Mulleres e as Nenas na
Ciencia.