Xuventude achega á mocidade unha actividade de experimentación no medio natural
A proposta, que se pon en marcha por primeira vez, está dirixida á rapazada de entre 14 e 35 anos como unha alternativa de ocio saudable cunha vertente didáctica que lles permitirá, ademais, descubrir a contorna.
O Goberno de Lara Méndez, a través do Servizo de Prevención de Drogodependencias e outras adiccións, adscrito á concellería de Xuventude, pon en marcha unha nova actividade formativa dentro do Programa +XTI 2023 subvencionado polo Ministerio de Sanidade.
A proposta, denominada Aventuralézate, ten como vocación ofrecer unha alternativa de ocio e lecer vinculada á natureza dende o punto de vista da experimentación, o aprendizaxe e a adquisición de recursos e habilidades, vinculada ao Bushcraft que propicia o desenvolvemento de coñecementos para sobrevivir e prosperar no medio natural.
“Cun carácter innovador, xa que esta é a primeira vez que se realiza, Aventuralézate persegue ofrecer á mocidade lucense a posibilidade de gozar da contorna, descubrir os recursos que nos rodean, así como a flora e a fauna, proporcionando nocións moi útiles baixo un formato lúdico de diversión saudable, que ten como escenario a montaña e como finalidade, o entretemento e a aventura”, sinalou o concelleiro Mauricio Repetto.
A actividade, de carácter gratuíto, será impartida por profesionais con ampla experiencia na materia e celebrarase os sábados 8 e 22 de xullo e o 5 de agosto, en horario de 10:00 a 18:00 horas. Está dirixida á rapazada de entre 14 e 35 anos.
Cada unha destas tres quendas ofrece 10 prazas que serán cubertas por rigorosa orde de inscrición.
As persoas interesadas en participar poderán anotarse a partir deste venres, 30 de xuño, na páxina lugomasxti.org