Xuventude impulsa Terra Nova, unha orquestra para a mocidade

LugoXa
A concellería de Xuventude inclúe este ano, por primeira vez, o impulso da creación dunha orquestra pensada para a mocidade
Orquetra xuventude portada
2 Nov 2022

A concellería de Xuventude de Lugo inclúe este ano, por primeira vez entre as súas actividades, o impulso da creación dunha orquestra pensada para a mocidade, coa intención, sostén a alcaldesa, “de contribuír a continuar a súa formación musical, ampliando así os seus horizontes artísticos na cidade. Estamos ante os grandes profesionais que mañá mesmo asegurarán a continuidade das grandes orquestras, polo que queremos axudar a impulsar o seu enorme talento”.

O obxectivo é crear unha agrupación musical estable en Lugo, denominada Terra Nova, dirixida a intérpretes de instrumentos de orquestra, de entre 15 e 35 anos de idade.

Ao fronte deste proxecto, apunta o concelleiro Mauricio Repetto, está o prestixioso músico bonaerense residente na cidade, Nicolás Ravelli Barreiro, pianista, director e docente, que conta cunha dilatada experiencia artística internacional e que lanzou varias experiencias de contrucións colectivas como o proxecto LiceOpera, en Arxentina. “É importante darlle un respaldo institucional a estas iniciativas para crear oportunidades tamén nos eidos culturais vinculados cos intérpretes instrumentalistas que se están iniciando”.

Neste senso, a rexedora apuntou que este tipo de proxectos complementan a formación que xa se imparte desde a Escola Municipal de Música e a que tamén desenvolven outras agrupacións musicais moi asentadas en Lugo.

Con este fin, desde este sábado, día 5, ábrese a oportunidade de que os mozos e mozas interesados poidan participar nesta actividade de xeito gratuíto. A formación desenvolverase todos os sábados, de 11.00 horas a 14.00 horas, na Casa da Xuventude, “de forma que Terra Nova terá un espazo local onde a mocidade poña en práctica os seus coñecementos”.

Os e as interesadas deberán inscribirse previamente en formulario.xuventudelugo.gal.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o edil de Xuventude, Mauricio Repetto, xunto a Nicolás Ravelli Barreiro (2)
0.20150899887085