Xuventude pon á disposición da veciñanza, de forma gratuíta durante o verán, a Casa do Deporte e o campo de fútbol Luis López Gorgoso

O Goberno de Miguel Fernández, a través da área de Xuventude e Deportes, volverá poñer á disposición da cidadanía o uso gratuíto das instalacións da Casa do Deporte e do campo de fútbol Luis López Gorgoso durante os meses de verán, coincidindo coa interrupción das competicións dos clubs.
“Queremos que tanto mocidade como persoas adultas poidan desfrutar destes espazos e continuar coa práctica deportiva tamén no tempo de descanso escolar”, explicou o concelleiro Jorge Bustos. “Son instalacións de toda a veciñanza, e esta medida reflicte o noso compromiso con promover estilos de vida activos e saudables durante todo o ano”, engadiu.
A iniciativa repítese tras o bo acollida rexistrada en 2024, cando numerosos grupos fixeron uso das dotacións municipais en diferentes franxas horarias, favorecendo a actividade física e o aproveitamento dos tempos de lecer.
A pista cuberta da Casa do Deporte estará dispoñible do 1 de xullo ao 2 de agosto para a práctica de fútbol sala. Pola súa banda, os dous campos de Fútbol-7 de herba artificial situados en Frigsa poderán empregarse entre o 8 de xullo e o 2 de agosto. O horario de uso será de martes a sábado, de 10:00 a 14:00 pola mañá e de 17:00 a 20:00 pola tarde.
Para acceder ás instalacións será necesario realizar unha reserva previa o día anterior, chamando ao número 626 069 369 durante o horario de apertura da instalación. Cada grupo poderá facer unha reserva diaria, con turnos de uso de unha hora.
Os grupos deberán estar formados por un mínimo de 10 persoas, portar roupa e calzado deportivo e contar con material propio para a práctica da actividade. A persoa responsable do grupo deberá cubrir e asinar a Declaración Responsable no momento de acceder á instalación. No caso de grupos con menores de idade, deberá facelo unha persoa adulta responsable.
“Seguimos a consolidar a Lugo como unha cidade para o deporte e para o benestar, poñendo os recursos públicos ao servizo da veciñanza tamén durante o verán”, conclúe Bustos.