Yaakov Stern inaugura en Lugo o ciclo da Cátedra Cruz Vermella–USC cun relatorio sobre envellecemento

LugoXa
A actividade conta co apoio da Deputación de Lugo e céntrase no envellecemento activo, a inclusión social e a saúde
Catedra-Cruz-Vermella-USC-Lugo
9 Jul 2025

A Cátedra Cruz Vermella Española–Universidade de Santiago de Compostela (USC) abriu o seu novo ciclo de actividades cun relatorio inaugural a cargo do prestixioso profesor Yaakov Stern, catedrático da Universidade de Columbia (Estados Unidos) e figura de referencia internacional no ámbito da neuropsicoloxía do envellecemento.

O profesor Stern é recoñecido polo seu traballo pioneiro no concepto de reserva cognitiva, que axuda a explicar por que certas persoas manteñen intactas as súas capacidades mentais malia sufrir danos cerebrais.

Na súa intervención, afondou na influencia de factores como a educación, o estilo de vida, o exercicio físico e a estimulación cognitiva na prevención do deterioro mental, ademais de presentar resultados das súas investigacións sobre redes neuronais, resiliencia e intervencións non farmacolóxicas dirixidas ás persoas maiores.

O curso de verán Envellecemento: ganancias e resiliencia celebrarase ata o venres no auditorio do Vello Cárcere de Lugo e a conferencia centrouse nos avances na comprensión do deterioro cognitivo e nas ferramentas para previlo.

Esta conferencia enmárcase nas actividades da Cátedra Cruz Vermella–USC, que ten como obxectivo fomentar o coñecemento, a docencia e a investigación arredor do envellecemento activo desde unha óptica multidisciplinar.

A iniciativa conta co apoio da Deputación de Lugo, a través da súa Vicepresidencia Primeira, e do Concello de Lugo, a través da Área de Cultura, reforzando así o seu compromiso coa divulgación científica, o benestar das persoas maiores e a dinamización cultural do territorio.

⚙ Configurar cookies
0.20719313621521