Yayo González e Alberto Vaquero incorpóranse ao Lugo
Yayo González e Alberto Vaquero foron presentados no Anxo Carro como novos xogadores albivermellos. Os dous mozos centrocampistas, que chegan a Lugo en calidade de cedidos, recibían a benvida de Roberto Sáez. O director deportivo
albivermello describía ambos os centrocampistas como “uns futbolistas cun gran presente pero un mellor futuro, cunhas condicións para ser futbolistas profesionais”.
Ademais, agradeceulles que “apostasen polo Club Deportivo Lugo para seguir coa súa aprendizaxe e crecemento”. Vaquero asegurou que contaba cunhas “3 ou 4 ofertas de Primeira RFEF, pero cando che chama un club da entidade do CD Lugo, pois a verdade é que non mo pensei, foi a primeira opción”. O xogador séntese “moi cómodo, facendo funcións de 6, de 8, e do que nos pida o míster. O estilo de xogo do míster gústame moito, porque é un equipo que está feito para ter o balón. Estou moi contento e imos puíndo detalles que nos vai dicindo Lolo día a día”.
No caso de Yayo González afirmou que tiña “varias opcións encima da mesa, pero bueno, que che chame o CD Lugo non é algo que che pase todos os días. É un club que hai pouco estaba no fútbol profesional, que se mantivo aí durante moito tempo. Ten que ser un equipo para optar a estar arriba sempre”. Para el o club “ten que obrigarse a estar arriba. É un club profesional, é o equipo dunha gran cidade, e temos que facer o posible por tentar meternos arriba”.