Yolanda Díaz reúnese coa Ulloa Viva e asegura que "está radicalmente en contra" do proxecto de Altri

LugoXa
Díaz deu as grazas á plataforma “por defender a nosa contorna e un modelo produtivo sostible para Galicia”
ullloa-viva-reunión-yolanda-díaz-
21 Ago 2024

A Plataforma Ulloa Viva mantivo unha xuntanza coa vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que se desprazou á Eira da Xoana (Agolada) para coñecer de primeira man os informes dos membros da plataforma, técnicos e produtoras da zona arredor da problemática polo proxecto de Altri para instalar unha macrocelulosa en Palas de Rei. Membros da plataforma, expertos en distintos eidos coma xeógrafos, médicos e biólogos e produtoras da zona explicaron os efectos que esta macrocelulosa tería sobre o territorio.

A vicepresidenta segunda do Goberno deixou claro o seu rexeitamento ao proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, e agradeceu a Ulloa Viva a súa “defensa do territorio”. Díaz deu as grazas á plataforma “por defender a nosa contorna e un modelo produtivo sostible para Galicia”. A vicepresidenta segunda do Goberno deixou claro que está “radicalmente en contra deste proxecto”, que definiu coma “altamente contaminante, e que pon en risco a saúde pública da poboación e carece de valores democráticos primarios”

A voceira de Ulloa Viva, Marta Gontá, agradeceu a visita e amosouse convencida de que “despois de escoitar o sentir dos veciños e veciñas, das produtoras afectadas e os informes dos técnicos, “teremos na vicepresidenta do Goberno unha garante dos nosos dereitos en Madrid”. Gontá lembrou a loita que a Plataforma Ulloa Viva ten contra o proxecto da macrocelulosa, e explicou que “queren instalarnos pola forza unha industria altamente contaminante que emitirá 8.754 kg de gases contaminantes ao día por unha cheminea de 75 metros e verterá, entre outras sustancias, 60 toneladas diarias de sulfatos ao río Ulla.

Iso repercutirá na nosa saúde e no noso medio ambiente de maneira irreversible, e por se iso fora pouco, a fábrica de Altri competirá polos mesmos recursos que os nosos agricultores e gandeiros, e tirará por terra o Camiño de Santiago, todos eles sectores base do noso modelo socioeconómico. Vivimos cun modelo sustentable que redistribúe a riqueza, xera beneficios e calidade de vida”.

Lembrou a voceira da Plataforma que esta macrocelulosa pretende consumir tanta auga coma toda a provincia de Lugo ao día (46 millóns de litros diarios) nun escenario de cambio climático “no que un proxecto coma este non debería nin ter chegado a tramitarse”, por iso en declaracións aos medios xunto coa ministra Yolanda Díaz, explicou que avalados por diferentes técnicos de distintas areas “queremos pedirlle a Díaz que coma vicepresidenta dun goberno progresista se comprometa con nós a parar este abuso sobre a poboación”.

Máis de 23.000 alegacións

Dixo Marta Gontá que “o pobo xa falou en máis dunha ocasión, o proxecto tivo máis de 23.000 alegacións en contra, máis de 20.000 persoas saíron ás rúas o pasado 26 de maio en Palas de Rei a decir “Altri Non” e o 30 de xuño outras 30.000 persoas arrodeamos a Xunta de Galicia en Santiago para pedir a paralización desta barbaridade”. Cos feitos na man, a voceira da Plataforma argumentou que “o corazón de Galicia, dende a Ulloa ata a Ría de Arousa ten claro que non quere esta macrocelulosa”, a pesar de que “os seus impulsores insisten en levar adiante un proxecto que non queremos nin necesitamos”.

Marta Gontá lembrou que “queren ademais 250 millóns de euros de cartos públicos que ten que outorgarlles o Goberno do Estado, por iso confiamos en que o papel da vicepresidenta e a información que hoxe se leve de aquí de primeira man cos afectados, sexa o punto e final a esta ameaza que o corazón de Galicia ten enriba”. Outros membros de Ulloa Viva, coma Zeltia Laya e Adrián Gallero, aproveitaron o encontro para transmitirlle á vicepresidenta do Goberno que “levamos meses pedindo reunións en distintos ministerios sen resposta” e pediron a súa mediación para explicar os argumentos da Plataforma en Ministerios coma Industria, Cultura, Sanidade ou o MITECO.

Incidiron na incredulidade da Plataforma porque se estea a tramitar un proxecto “que incumpre directivas da UE” e lembraron que o Goberno do Estado “ten o poder da aplicabilidade deses fondos que a empresa solicita, eses fondos non poden ser para unha empresa cun proxecto que pretende deixar o territorio totalmente desolado”.

0.22392582893372