Zarandela actuará este venres na Casa das Insuas de Rábade

Este venres 3 de outubro, ás 20:30, a Casa das Insuas de Rábade acollerá o concerto da Zarandela. Trátase dun cuarteto excepcional de novos zanfonistas —Marina Salgado, Uxío Blanes, Álvar Jalón e Álvaro Marijuan— que nace no seo da Tradescola (AGG) de Lugo, unha escola comprometida coa transmisión da música tradicional galega e co impulso de Lugo como capital europea da zanfona.
A pesar da súa curta idade, estes catro músicos amosan un talento abraiante e unha madurez musical que emociona. O seu repertorio percorre a historia da zanfona en Galicia, desde composicións de Milladoiro, ou pezas do cancioneiro recollido por Torner e Bal y Gay, ata referencias da historia universal do instrumento, como obras de Gilles Chabenat ou da mítica Viellistic Orchestra. Tamén interpretan composicións propias, e estrean obras escritas especialmente para este cuarteto, como o arranxo da Xota de Riotorto de Florencio, realizado por Pedro Lamas.
No escenario están acompañados por músicos de gran prestixio: Lucía Eiros (clarinete, clarinete baixo e gaita en Sol), Pedro Pascual (acordeón diatónico e bouzouki), Miguel Anxo López (percusión) e Germán Díaz (zanfona). O cuarteto é tamén un laboratorio vivo, aberto á creación, ao encargo de novas obras e ao futuro da zanfona en Galicia.