O BNG defende unha PAC adaptada como parte do seu programa electoral na Fonsagrada
O Bloque Nacionalista Galego na Fonsagrada realizou un acto público aberto na praza da Igrexa da localidade no que deu a coñecer as iniciativas de futuro no marco do programa electoral do BNG para as vindeiras eleccións europeas do 9 de xuño. Contou coas intervencións da portavoz municipal, Rosa Rego, a deputada do BNG no Parlamento galego, Montse Valcárcel e o deputado no Parlamento Galego Nino Fernández.
Nino puxo o acento na importancia de “ter voz propia” na Eurocámara. “Sen o BNG non se levan demandas propias do noso país é así de claro”. A gandería de leite e carne de vacún é un bo exemplo. "Só o BNG defende en Bruxelas unha política agraria xusta para as gandeiras e os gandeiros do noso país, mentres o PP e o PSOE veñen defendendo unha política agraria lesiva para Galiza"
O Bloque ten propostas de futuro e “para construír unha Galiza mellor e para defender ao noso país”, subliñou o deputado nacionalista. “Dende o Bng defendemos outra PAC, adaptada á nosa realidade que permita desenvolver todo o potencial produtivo do noso país” afondou o nacionalista. Segundo explicou Nino Fernández, “O BNG en Europa comprométese a traballar para rematar coa discriminación que sofren as e os produtores do país na distribución das axudas europeas”.
Subliñou o importante papel que xoga a xente do sector para manter un rural vivo e producir alimentos de calidade. Ademais, asegurou que un obxectivo inalienable do BNG é “defender os intereses do Pobo galego fronte aos lobis que buscan espoliar os nosos recursos e que os fondos europeos non se malgasten” citando a macrocelulosa de Palas de Rei.