11 millóns de euros en mobilidade e outros 5 en convenios cos concellos, nos 7 meses da presidencia de Carmela López

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A presidenta da Deputación destacou que o Goberno provincial executou máis de 7M€ en obras viarias, destinou 1,5M€ á renovación do Parque Móbil e elevou a 2,4M€ o investimento en rozas
carmela-lopez-presidenta-da-deputacion-de-lugo
21 Aug 2026

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, fixo este venres balance dos seus primeiros sete meses á fronte da institución provincial, un período que definiu como “moi intenso, de moito traballo e tamén de aprendizaxe” e no que destacou unha forma de gobernar baseada na proximidade, o diálogo, a capacidade de decisión e a presenza directa no territorio.

“Hai sete meses, no meu discurso de investidura falei de diálogo, de proximidade, de estabilidade e de compromiso. Hoxe quero facer un primeiro balance de como estamos convertendo estas palabras en feitos”, sinalou.

Carmela López destacou especialmente o contacto directo cos concellos. Nestes sete meses mantivo 59 reunións con alcaldes e alcaldesas, preto do 90% dos responsables municipais da provincia, e con todos aqueles que solicitaron unha reunión.

“Eu non quero unha Presidencia encerrada nun despacho. Quero ser unha Presidenta accesible e próxima, que vai ao territorio. Para coñecer a provincia hai que pisala”, afirmou. A Presidenta subliñou que as visitas que leva feitas polo territorio non responden a unha finalidade formal, senón á vontade de coñecer directamente os problemas e buscar solucións. “Non vou aos sitios a sacar unha foto. Hai un motivo e un traballo que facer en cada visita”, explicou.

No ámbito da mobilidade, a Deputación conta este ano con máis de 12 millóns de euros para obras de mellora da rede viaria, dos que xa se executaron máis de 7 millóns, arredor do 61%. A esta contía súmanse preto de 1,5 millóns para renovar o Parque Móbil e 2,4 millóns para o servizo de desbroces.

Destacou a presidenta ademais que máis do 53% do orzamento consignado para obras corresponde a actuacións en concellos gobernados polo Partido Popular. “Se unha estrada necesita unha actuación, o que me preocupa é solucionar o problema, non a cor política da alcaldesa ou do alcalde”, afirmou.

E no ámbito da cooperación municipal, a Deputación mobilizou preto de 5 millóns de euros en convenios cos concellos para apoiar servizos públicos básicos, chegando ás distintas comarcas da provincia. Ademais, só no mes de xullo asinou 420.000 euros con 16 entidades, principalmente vinculadas ás políticas sociais e aos sectores produtivos.

“Ás veces falamos de cifras, pero detrás desas cifras hai servizos e, sobre todo, hai persoas. A Deputación ten que estar aí, especialmente onde un concello non pode chegar só. Ou onde outras administracións non tratan en igualdade de condicións a ese territorio”, destacou.

Avances na rede pública de residencias

Carmela López tamén puxo en valor os avances na rede pública de residencias da Deputación. En Becerreá, a institución licitou por máis dun millón de euros o equipamento xeral do centro e aprobou a licitación da cociña industrial por preto de 460.000 euros. Na Pontenova avanzan os trámites para rematar a residencia coa colaboración de Tragsa, mentres que na Pobra do Brollón o centro está nos últimos pasos para obter a certificación final de obra.

Nos próximos meses está previsto sacar a licitación a residencia de Ourol, mentres avanzan o proxecto de Cervantes e os trámites para retomar as obras de Guitiriz.

Sobre Folgoso do Courel, explicou que a reversión da parcela estaba contemplada nas condicións da cesión e que a alcaldesa solicitou que se fixese efectiva. “Se a Xunta vai facer a residencia, perfecto: ao final está asumindo por fin unha competencia que lle corresponde”, sinalou.

“O traballo da Deputación non para”

Entre as cuestións nas que a institución segue traballando, a Presidenta situou tamén os GES, un ámbito no que considera que o actual modelo precisa dunha solución máis estable e no que a Deputación mantén a interlocución coa Xunta.

Finalmente, Carmela López anunciou que tomará uns días de descanso, pero deixou claro que a actividade da institución continuará con normalidade.

0.12153697013855