135 asociacións da provincia recibirán axudas da Deputación para actividades

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
135 asociacións recibirán axudas de Vicepresidencia para realizar actividades culturais e melloras nos seus locais.
Pazo San Marcos Lugo
28 Out 2021

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo distribúe entre as entidades asociativas culturais da provincia un total de 201.000 euros co obxectivo de contribuír ao financiamento de distintas actividades culturais e facilitar o investimento na renovación e mellora de equipamentos e instalacións dos locais sociais. Un total de 135 asociacións de distintos puntos da provincia benefícianse desta convocatoria segundo se recolle na resolución provisional publicada no Boletín Oficial a Provincia.

No que atinxe á resolución das achegas para actividades de interese cultural, 89 colectivos de todas as comarcas da provincia poderán beneficiarse dunha partida global de 130.000 euros para desenvolver o seu traballo habitual ou ben financiar algunha cita concreta. Así, as asociacións solicitaron neste este 2021 axudas para a realización de xornadas culturais, mostras tradicionais, certames de distintas modalidades artísticas, obradoiros de música tradicional, teatro, fotografía ou pintura, campamentos formativos, viaxes culturais, publicacións, exposicións, festivais, traballos audiovisuais, obradoiros cinematográficos, concertos ou celebración de festividades con aceno propio como o magosto ou as festas de xogos tradicionais.

Unha segunda liña de subvencións permitirá a 46 entidades da provincia mellorar as instalacións e equipamento dos locais sociais, distribuíndo entre elas un montante total de 71.000 euros. A mellora substancial destes espazos reflectirase na compra de mobiliario para os locais, equipos de son e material audiovisual, equipos informáticos, adquisición de instrumentos musicais, atrís ou altofalantes, aparellos para a climatización e acondicionamento de salas, insonorización de espazos, ou instalación de tarimas, vinilos ou espellos, entre outros.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo e responsábel de Cultura, Maite Ferreiro, sinalou que “mantemos o apoio e o compromiso coas asociacións das distintas comarcas para mellorar a dinamización cultural en todas as súas vertentes, potenciar a historia, a música e as tradicións galegas, así como o uso do idioma, e acondicionar os lugares onde se poidan desenvolver todo este tipo de actividades”

Maite Ferreiro puxo en valor este investimento da área de Cultura que, destacou, “é un das principais fontes de financiamento para o tecido asociativo, que desenvolve unha labor fundamental á hora de garantir acceso á actividade cultural en todo o territorio e xenera un dinamismo moi necesario para o sostemento do tecido ecónomico vinculado a creación e á produción cultural”.

Fixo fincapé tamén na “adaptación da convocatoria que se fixo nestes dous últimos anos para atender a demanda de melloras e equipamento dos locais e seguir achegando recursos que contribuisen a manter o tecido asociativo a pesar da situación sanitaria”.

As subvencións oscilan entre os 300 e os 3.000 euros, en función dos baremos establecidos nas bases que, entre outros aspectos, priorizan as iniciativas das asociacións con maior traxectoria na dinamización cultural e as de concellos de menos de 2.000 habitantes.

0.12960696220398