24 membros de Protección Civil fórmanse en Lugo no uso de desfibriladores

LugoXa
A actividade, presencial e gratuíta, ten por obxecto formar ao persoal voluntario no manexo dos desfibriladores externos.
Curso Proteccion civil
4 Jun 2022

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu  hoxe un novo curso para 24 voluntarios de agrupacións de Protección Civil da provincia, dentro do programa de formación continua impulsado pola Administración autonómica a través da Academia Galega de Seguridade Pública.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicaba na presentación desta actividade que ten por obxecto formar aos participantes no manexo dos desfibriladores externos, co fin de aumentar as taxas de supervivencia dos pacientes e acadar un acceso precoz ao sistema de emerxencias médicas; así como acurtar os tempos para realizar reanimación cardiopulmonar e a desfibrilación.

O mesmo persoal voluntario vén de participar no curso básico impartido hai uns días na Delegación Territorial da Xunta para ofrecer a efectivos de novo ingreso coñecementos sobre accidentes e autoprotección, loita contra incendios, comunicacións ou actuacións básicas ante emerxencias médicas.

A formación é gratuíta e está enmarcada na programación do primeiro semestre do ano, que inclúe oito cursos na provincia de Lugo con 191 prazas para voluntariado de Protección Civil.

0.17053389549255