30.000 plantas en flor ornamentan, dende hoxe, as rúas de Lugo
Máis de 30.000 plantas en flor ornamentan, dende hoxe, as zonas verdes da cidade de Lugo. Unha acción da Concellería de Medio Ambiente, a cargo de Miguel Fernández, que estenderá esta campaña primaveral a un total de 26 localizacións.
18 variedades vexetais, entre as que destacan begonias, petunias, dahlias ou celosías, tinguirán de cor ademais dos xardíns da capital outros espazos públicos como prazas e rúas.
Os traballos, que teñen un tempo moi limitado para poder executarse debido aos condicionantes que impón a plantación, comezaron esta semana no Centro Histórico pero tamén nos barrios como pode ser o da Piringalla ata onde se achegaron a rexedora, Lara Méndez e o edil para comprobar como se están desenvolvendo.
Méndez explicou que “neste 2022 no que volvemos a saír as rúas xa sen restricións sanitarias e sen imitacións temporais, quixemos ser máis ambiciosos e ampliar a decoración floral e paisaxística daqueles puntos da capital que contan con espazos de esparexemento ou zonas comúns ás que a pandemia outorgou un valor engadido como lugares de socialización”, referiu a rexedora lucense.
Así, a renovación da decoración vexetal chegará por primeira vez ás prazas de Bretaña, Milagrosa, San Xoan, Agro do Rolo, Manuel María - Túnel do Oural e Fonte dos Ranchos; aos xardíns de San Roque, ás avenidas de Madrid e de Adolfo Suárez, á Ponte de Paradai, á Rolda Xosé Castiñeira e ás medianas da rúa Illa de Man.