A Deputación dará continuidade ao traballo de Suplusa a través de Tragsa

TerraChaXa | LugoXa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, xunto á Vicepresidenta, Maite Ferreiro, anunciaron que o Goberno provincial garantirá a continuidade do servizo de mantemento das zonas verdes que vén facendo Suplusa e os postos de traballo dos 19 empregados e empregadas que veñen realizando estes traballos na Sociedade Urbanística Provincial encargándolle o servizo a outra empresa pública, como é Tragsa.
foto santiago
23 Dec 2019

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, xunto á Vicepresidenta, Maite Ferreiro, anunciaron que o Goberno provincial garantirá a continuidade do servizo de mantemento das zonas verdes que vén facendo Suplusa e os postos de traballo dos 19 empregados e empregadas que veñen realizando estes traballos na Sociedade Urbanística Provincial encargándolle o servizo a outra empresa pública, como é Tragsa.

Como xa fixo público a Deputación, o Grupo Tragsa, formado por Tragsa e Tragsatec, pasa a ser medio propio instrumental da entidade provincial tras a compra dunha acción formalizada ante notario en Madrid o pasado martes, polo que pode encargarlle servizos ou traballos. O mantemento das zonas verdes, coa subrogación dos traballadores nas mesmas condicións salariais e laborais, será o primeiro encargo, ao que, como avanzou Tomé, poderanse sumar máis no futuro.

Con esta decisión, o Goberno provincial cumpre co compromiso de garantir os dereitos dos traballadores e traballadoras que prestan os seus servizos para Suplusa, un compromiso que o Presidente anunciou no propio Pleno celebrado o pasado 12 de setembro no que foi aprobado por unanimidade da Corporación provincial a disolución da Sociedade despois de que este ente mercantil perdese xa no 2018 a condición de medio propio a través dun acordo da Xunta de Goberno debido aos problemas que lle ocasionou á institución provincial no pasado mandato.

Opcións
José Tomé explicou que para poder cumprir co compromiso de garantir os dereitos do persoal de Suplusa había catro posibles opcións.
- Primeira: Deixar de prestar o mantemento de zonas verdes, o que suporía a desaparición do servizo. Unha opción “que desbotamos taxantemente porque o que queremos é manter o servizo e, sobre todo, manter os postos de traballo”, subliñou o Presidente.
- Segunda: Contratar os servizos que viña prestando Suplusa cunha empresa privada. Un suposto “que supoñería privatizar, algo que dende o Goberno provincial non queremos, pois apostamos sempre polos servizos públicos”, asegurou Tomé.
- Terceira: Provincializar o servizo, unha medida que non é posible porque “iso significaría que todo o persoal pasara a ser da Deputación, sen os debidos procedementos selectivos de mérito e capacidade, que son obrigatorios para ser persoal da institución, ben sexa funcionario, ben laboral”, afirmou o Presidente.
- Cuarta: Encargar os traballos e servizos a outra empresa pública. Esta posibilidade, resaltou o mandatario provincial, “é a que resulta máis viable e axeitada, posto que, tanto o encargo dos traballos, como a relación laboral dos traballadores e traballadoras, pasan a depender dunha empresa pública, como é Suplusa, a outra empresa pública, como é Tragsa”.

Tragsa, medio propio da Deputación
Para materializar esta cuarta opción de encargar os servizos a Tragsa, a Deputación xestionou diante do Ministerio de Hacienda a compra dunha acción da empresa pública, co que pasa a ser medio propio da institución provincial. A compra desta acción foi asinada ante notario en Madrid o pasado martes.

Ademais da Deputación de Lugo, outras 28 entidades provinciais de toda España compraron tamén xa unha acción de Tragsa, entre elas as da Coruña e Pontevedra, unha decisión da que, explicou o Presidente, tamén se van poder beneficiar no futuro os concellos da provincia de Lugo que así o desexen, a través dun acordo coa institución provincial.

Deste xeito, o Goberno provincial vaille encargar á empresa pública Tragsa o mantemento dos traballos que ata o de agora viña realizando SUPLUSA, que basicamente teñen que ver co mantemento de zonas verdes en distintos puntos da capital, como, por exemplo, a contorna do río Rato, e do resto da provincia.

O encargo, neste mes
Segundo avanzou José Tomé, o encargo deste traballos “vaise producir antes de que remate este mes de decembro, para que a comezos do ano 2020, Tragsa se faga xa responsable da realización dos traballos de mantemento das zonas verdes”.

Para levar a cabo este encargo á empresa pública Tragsa, o Goberno conta co asesoramento dos servizos provinciais necesarios para a tramitación do expediente, como son Asesoría Xurídica, Contratación, Intervención, Medio Ambiente e Recursos Humanos. Todos eles, apuntou o Presidente, “coinciden en estimar que a mellor opción é o encargo á empresa pública Tragsa”.

Estes servizos están elaborando o expediente e facendo os informes preceptivos, dos cales a día de hoxe xa está elaborado o dos servizos xurídicos e o resto están en redacción.

Unha vez rematado o expediente e acordado o encargo dos traballos a Tragsa na Xunta de Goberno, que é o órgano competente para tomar este acordo, “informaremos axeitadamente a todos os traballadores e traballadoras da súa nova situación laboral, na que pasan de traballar nunha empresa pública, como é Suplusa, a outra empresa pública, como é Tragsa”, asegurou José Tomé.

Deste xeito, recalcou o Presidente, “co encargo que facemos a Tragsa, garantimos a totalidade dos 19 postos de traballo e tamén garantimos os mesmos dereitos laborais e salariais que teñen en Suplusa, dado que no encargo vai incluída a obriga da subrogación de todo o persoal en igualdade de condicións”.

PARTIDO POPULAR

O deputado provincial popular José Antonio García di que no PP están "estupefactos polo feito de que o goberno da Deputación encargue a Tragsa o mantemento das áreas verdes da provincia, afectando esta decisión de xeito moi agresivo aos ata agora traballadores de Suplusa".

José Antonio García di que a decisión adoptada polo goberno provincial vai en contra da filosofía do acordo para a supresión de Suplusa, que incluía a integración dos traballadores na estrutura da Deputación, e total respecto aos seus dereitos laborais. "É un atropelo aos dereitos dos traballadores, á comisión liquidadora e aos intereses da provincia de Lugo."

O mesmo deputado destaca que a medida decidida polo bigoberno da Deputación, presidido polo socialista Tomé, foi adoptada "sen facer partícipe á comisión liquidadora de Suplusa da documentación que presuntamente a ampara. Destaca tamén que tan relevante resolución levouse a cabo sen que os representantes da Deputación mantiveran reunións cos traballadores de Suplusa, que se senten desorientados e altamente preocupados."

Para García, a citada medida tomada por socialistas e nacionalistas "ofrece moitas dúbidas desde o punto de vista xurídico". O mesmo deputado provincial censura que a decisión se adoptase "con escurantismo e falta de transparencia". No PP, segundo indica García, consideran que o goberno provincial procedeu "con total falta de respecto aos traballadores afectados".


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19648003578186