400 actividades e nove mostras, balance do primeiro semestre da cultura de Lugo
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, fixo balance da actividade cultural organizada durante o primeiro semestre de 2022, tempo no que as veciñas e veciños de Lugo puideron desfrutar de preto de 400 actividades culturais de distintos tipos, ademais de ter a oportunidade de visitar un total de 9 exposicións temporais no Vello Cárcere e no MIHL.
“Desde a área de Cultura realizamos unha ampla programación cultural, achegando a Lugo actividades culturais de calidade e cun gran apoio ao traballo das e dos artistas de Lugo”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “programacións como a do Gustavo Freire ou a Mostra de Teatro Clásico achegan a Lugo a grupos de teatro de gran recoñecemento a nivel galego, estatal e incluso internacional”.
A actividade cultural de 2022 comezou coa cabalgata de Reis, que contou con espectáculos de gran calidade internacional para amenizar a visita das nenas e nenos ás carrozas reais, e que contou coa animación de primeira calidade achegada por parte de destacadas compañías galegas.
A programación cultural do primeiro semestre de 2022 contou con máis de 300 actividades organizadas no Vello Cárcere, contando con visitas guiadas teatralizadas, grupos de lectura, charlas e actividades infantís. A actividade cultural contou tamén con 28 representacións teatrais dentro da programación do auditorio Gustavo Freire, 6 representacións de danza, 9 actividades de animación á lectura na Biblioteca Municipal, 4 representacións no festival de Teatro Grecolatino e 12 na Mostra de Teatro Clásico.
No tocante á música, Lugo puido contar con 10 concertos a cargo das agrupacións do Conservatorio, organizados tanto nas rúas como no auditorio municipal e unha xuntanza con 4 corais de Lugo e a 49 edición da Semana de Música do Corpus, que contou con 9 concertos. Ademais, Lugo contou coa presenza de 100 zanfonistas no II Celme de Zanfona celebrado a comezos de xuño, e a xuntanza Soundsystem no camiño, celebrada na última semana, e que xuntou en Lugo aos 5 colectivos de reggae máis representativos do noroeste peninsular. A actividade musical continúa coa terceira edición do Muralleando, que converterá a praza da Mosqueira no centro da programación musical das agrupacións de Lugo durante todo o verán.
O Vello Cárcere acolleu 8 exposicións de distintos xéneros nos primeiros meses do ano. Ademais, a exposición permanente, O Vello Cárcere, da guerra á posguerra, ampliouse durante este ano con novos documentos, procedentes de familiares de persoas represaliadas nas instalacións, avanzando nos traballos de lembranza de todas as persoas que foron represaliadas durante o franquismo, un dos obxectivos máis importantes do Vello Cárcere.+
O MIHL acolleu a exposición Así Xogabamos, que entre os meses de marzo e maio xuntou a preto de 7.000 persoas. Esta exposición achegou un percorrido por unha parte da nosa historia máis recente, na que toda a familia puido compartir lembranzas da infancia e ver como mudan os tempos a través dos xoguetes que desfrutou cada xeración.
A área de Cultura renovou a súa aposta pola arte urbana, con novos murais promocionados polo Concello de Lugo, entre os que destacan o elaborado en Radio Taxi con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa, e o executado por Luís Davila no muro da nova pasarela do Centro de Saúde de San Roque, en Fontiñas. A iniciativa Culturban continuou durante os primeiros meses do ano cun novo mural de Doa Oa no cruce das rúas Amizade e Portugal, e continuará nos vindeiros meses con novas intervencións artísticas. Ademais, renováronse as citas literarias ubicadas nas distintas rúas de Lugo.
Entre o resto de programacións, atópanse as 15 actividades do Entroido, 11 polo día das Letras Galegas, a homenaxe a Rosalía polo 185 aniversario do seu nacemento, a ampliación do paseo das palabras do ano, e os preto de 1.000 libros entregados ás veciñas e veciños de Lugo coincidindo co día do Libro e no día das Letras Galegas, ademais da segunda edición do Enredando co Galego, que este ano duplicou o número de centros participantes, achegando o galego a case 200 estudantes.