400 familias con menos recursos recibirán axudas de 100 euros para libros e material escolar en Lugo

Un total de 400 familias con escasos recursos de Lugo recibirán axudas de 100 euros para a adquisición de libros de texto e material educativo de cara ao curso escolar 2026-2027. A convocatoria, que recibiu 575 solicitudes, xa conta con resolución definitiva unha vez completado o proceso de revisión e resoltas as alegacións.
As axudas supoñen un investimento total de 40.000 euros, cunha contía individual de 100 euros por beneficiario. A medida busca facilitar o acceso ao material educativo ás familias con menos recursos e favorecer a igualdade de oportunidades no ámbito educativo.
A listaxe provisional foi aprobada en xullo e a Comisión de Valoración reuniuse o pasado 19 de agosto para resolver as alegacións e formular a proposta definitiva, que xa foi aprobada.
As persoas beneficiarias poderán recoller os seus vales entre o 15 e o 26 de setembro nas oficinas do Servizo de Educación do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra. Os bonos poderán utilizarse ata o 10 de outubro nos establecementos do termo municipal de Lugo adheridos á convocatoria.
A resolución definitiva permitirá que as axudas estean dispoñibles antes do inicio do curso escolar, despois de que se axilizase a súa tramitación.
Como referencia, o pasado ano a listaxe provisional das axudas correspondentes ao curso 2025-2026 publicouse o 19 de agosto, cando aínda permanecía aberto o prazo de reclamacións. Este ano, nesa mesma data, xa se completou a adxudicación definitiva das 400 axudas.