50 persoas elaboraron en Burela 3.000 mascarillas caseiras

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
9 Abr 2020

Cincuenta persoas elaboraron en Burela tres mil mascarillas caseiras que o Concello repartiu entre empresas de alimentación, farmacias, talleres, gasolineira, estancos e o porto. A campaña Axudámosche realiza unha media de dous servizos diarios, segundo os datos que hoxe deu a coñecer a concelleira de Servizos Sociais, Carmela López.

Este departamento, a Delegación de Servizos Sociais, coordina o movemento popular de fabricación de mascarillas caseiras para prover a empresas de alimentación, farmacias, talleres, gasolineira, estancos, porto de Burela… Carmela López explicou que “temos dous equipos en marcha. Hai dúas coordinadoras que xestionan dous equipos de 25 costureiras aproximadamente cada un deles. En total fixéronse ata o momento 3.000 mascarillas, que foron repartidas con advertencias de uso para deixar claro que se trata dun complemento, e que o máis importante é manter as distancias de seguridade e ter unha correcta hixiene das mans. O material foi doado por empresas e particulares nun 60%, aos que lles queremos agradecer a súa achega, e nun 40% polo Concello”.

A concelleira de Servizos Sociais contou que “o taller de fabricación continúa en pe. Hai particulares que nos chaman para solicitar mascarillas, pero o noso obxectivo principal é surtir a aqueles que teñan que saír aos seus postos de traballo e cubrilos mentres que o mercado non poida provelos doutras opcións, polo que se non conseguiron contactar con algunha empresa, convidámolos a que chamen ao Concello para facer a súa petición”.

Ao longo do estado de alarma o Concello procedeu á compra de diferente material nos negocios de Burela como buzos enteiros, calzas, cubre cabezas, guantes, máscaras protectoras, xel antiséptico, gafas protectoras, mandís de plástico, bolsas de lixo, plásticos, goma e láminas de acetato para construír máscaras...

A edil burelesa sinalou que “desde o Concello de Burela interesámonos polo material do que dispoñían aquelas empresas e organismos que máis o precisaban e seguímolo facendo, doando todo o que está nas nosas mans, tanto do material adquirido polo Concello como do que imos recibindo da Xunta de Galicia a través das peticións cursadas á Fegamp. Comezamos doando máscaras de protección, mandís de plástico e gafas de protección ao Hospital da Mariña, xa que era o que se estaba a empregar en Madrid, por se aquí chegaba o momento de ter que utilizalo. Fixemos doazón de material do Concello a entidades como a Funeraria A Mariña, Garda Civil, Notaría, a empresas como Geseco (limpeza exterior), Idade de Ouro (servizo de axuda ao fogar), CLN (limpeza interior) a Cáritas ou ao Centro San Aníbal. E tamén recibimos nós doazón de material de empresas locais como Caprichos ou Tierra Animal, aos cales lles queremos agradecer a súa colaboración”.

O Concello burelés puxo en marcha aos poucos días de decretarse o estado de alarma a campaña Axudámosche para prestar axuda a través do teléfono 982 58 13 13 ás persoas maiores ou vulnerables “que poden contar co apoio do Concello para realizar compras de alimentos e medicamentos. Actualmente prestamos unha media de dous servizos diarios. Para xestionar isto, temos un retén 24 horas ao teléfono (Protección Civil) e dous equipos: un de técnicos que xestionan o funcionamento e un de traballadores municipais que desenrolan o rol de voluntarios para facer o servizo”.

Carmela López seguiu a relatar que “tamén estamos a traballar para dar cobertura a todas as situacións de emerxencia social que se poden producir como axudas directas para a compra de elementos de primeira necesidade para familias en risco de exclusión social: alimentación para bebés, pañais, medicamentos, etc; impresión de tarefas derivadas dos Centros Educativos para nenas e nenos que non dispoñen de medios e actuacións de axuda directa para dar hospedaxe durante a situación de estado de alarma a algún caso que nos xurdiu de persoas sen teito”.

A concelleira de Servizos Sociais lembrou que esta semana remataron coa entrega a domicilio de alimentos do Fondo de Axuda Europea destinado aos máis desfavorecidos: “son produtos non perecedoiros que se reparten semestralmente na praza de abastos. Nesta ocasión as cincuenta e cinco familias beneficiarias recibiron un lote de produtos na porta dos seus fogares para favorecer o confinamento. E para a próxima semana, de novo volveremos co reparto de alimentos frescos, que xestionamos a través do Banco de Alimentos de Lugo. Por outra banda, as doazóns de alimentos que nos chegan de empresas derivámolas a Cáritas e ao Centro San Aníbal porque serían o noso punto de distribución como Banco de Alimentos a nivel local. Empresas como o Hotel Nordés ou as Escolas Infantís doaron os seus alimentos perecedoiros a estes dous centros e foron repartidos a familias con poucos recursos”.

López engadiu que “dende a semana anterior ao decreto de estado de alarma editamos vídeos divulgativos para concienciar á poboación da necesidade de quedar na casa para parar canto antes a propagación do Covid-19 e seguiremos dende as redes do Concello dando información útil para ir todos a unha nesta situación que nos toca vivir e coa que sobre todo, temos que aprender a xestionar as nosas vidas de maneira diferente”.

A edil aproveitou a ocasión “para transmitir moito ánimo. Síntome moi orgullosa de ser de Burela e sei que imos saír desta xuntos”.

0.15209007263184