72 pilotos participarán no Rally da Mariña

TerraChaXa | LugoXa
15 Nov 2019

O deputado de Deportes, Efrén Castro, presentou a primeira edición do Rally da Mariña Lucense, que se disputará o vindeiro sábado nos concellos de Viveiro, Xove, Cervo e O Vicedo.  

A carreira, que levará por primeira vez á comarca unha competición do Campionato Galego de Rally, reunirá na súa estrea 72 pilotos entre os que destacan Iago Caamaño, Alberto Meira ou o lucense Adrián Díaz.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, subliñou “a boa acollida que a proba tivo entre os pilotos” e amosouse confiado en que “veña para quedarse” no calendario do automobilismo galego e “cubrir un oco que ata agora estaba baleiro na Mariña pese a  afección ao motor que hai na comarca, coma no resto da provincia e mesmo Asturias, de onde seguro tamén chegarán siareiros”.

O presidente da escudería Mix Rally Sports, Ignacio Davila, sinalou que “os pilotos que recoñeceron os tramos quedaron moi satifeitos co percorrido e transmitíronnos azos para seguir apostando por estes emprazamentos noutras edicións”. 

Tamén fixo un chamamento a “cumprir as medidas de seguridade e respectar as indicacións dos organizadores da  proba”, na que colaboran máis dun cento de efectivos entre axentes das forzas de seguridade e voluntarios. 

Ao acto de presentación, asistiron tamén o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, os alcaldes do Vicedo e Xove, Jesús Novo e Demetrio Salgueiro, e o concelleiro de Deportes de Cervo, David Rodríguez.

O Rally da Mariña Lucense comezará o venres coas verificacións técnicas e administrativas que se realizarán nun recinto habilitado no porto de Viveiro a partir das 16 horas. 

A competición desenvolverase o sábado a partir das 8:00 horas,  con tres treitos cronometrados polos concellos do Vicedo, Xove e Cervo polos que realizarán tres pasadas ao longo da xornada.

A entrega de premios será ás 00:00 horas do domingo no parque pechado de Viveiro.

0.17569088935852