725 escolares de Lugo recibiron formación en ciberseguridade

LugoXa
A subdelegada do Goberno entregou hoxe 23 carnés ao alumnado de 6º de primaria do CEIP A Ponte
carne-ciberexpertos-a-pontes
16 Jun 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, participou este martes no acto de entrega dos carnés de “Ciberexpert@” no CEIP A Ponte, acompañada polo formador da Policía Nacional Iván García e a inspectora xefe Sonia Aparicio. Un total de 23 alumnos e alumnas de 6º de Primaria reciben este recoñecemento tras completar o programa, dentro do Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas.

Este acto de entrega serviu para facer balance do curso 2025-26, no que 725 escolares de Lugo recibiron formación en ciberseguridade grazas ao programa Ciberexpert@, desenvolvido pola delegación de Participación Cidadá da Comisaría Provincial da Policía Nacional de Lugo en colaboración coa Subdelegación do Goberno. En concreto, dezaoito centros da cidade participaron na actividade durante este curso: “Esta formación chega cada ano a máis alumnado e consolídase como unha iniciativa con gran acollida entre os centros escolares”, destacou a subdelegada.

“A seguridade dixital da infancia e a mocidade é un reto colectivo, e dende o Goberno de España apostamos por formar ás novas xeracións no uso seguro de internet e das redes sociais”, sinalou Olimpia López, quen agradeceu o compromiso dos centros participantes e do equipo da Policía Nacional que lidera o programa.

Ao longo de varias sesións en cada grupo, os axentes traballaron co alumnado cuestións como a navegación segura, a xestión da privacidade en liña e fóra da rede, o uso responsable das redes sociais e a prevención fronte aos riscos das Tecnoloxías da Relación, Información e Comunicación (TRIC).

“Este programa demostra que a prevención e a formación son as mellores ferramentas para protexer á infancia no entorno dixital”, subliñou a subdelegada. “As familias, o profesorado e, sobre todo, o alumnado, transmítennos o seu interese por seguir aprendendo sobre ciberseguridade. Esa resposta é a mellor motivación para continuar con esta iniciativa o vindeiro curso”, engadiu.

A xornada de hoxe pecha un curso no que a educación en valores e competencias dixitais tivo un papel protagonista nas aulas lucenses, da man dunha iniciativa que busca dar ferramentas aos menores fronte aos desafíos do mundo dixital.

0.12169480323792