A ADOS, a Deputación de Lugo e o CB Breogán impulsan unha campaña de doazón de sangue na cidade

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), a Deputación de Lugo e o Club Baloncesto Breogán presentaron unha campaña especial de doazón de sangue que se desenvolve ao longo da xornada deste xoves na cidade, coa finalidade de promover o xesto altruísta entre a cidadanía lucense e reforzar as reservas do sistema sanitario.
A iniciativa conta cunha unidade móbil situada na Praza Maior, que permanecerá operativa de 09.30 a 14.30 horas e de 15.30 a 21.00 horas, atendendo a todas as persoas que desexen doar sangue. Como incentivo, entre os participantes sortearase unha camiseta asinada polos xogadores do Club Baloncesto Breogán.
Durante a presentación, o doutor José María Vázquez Estepa, responsable da sección de Doazón e Xestión de Colectas da ADOS, agradeceu o apoio constante do club lucense e da Deputación de Lugo a este tipo de iniciativas, destacando a importancia de unir o deporte e a solidariedade para fomentar a doazón de sangue. Tamén puxo en valor a colaboración de todos os membros do Breogán e o compromiso demostrado na difusión da campaña.
Desde a ADOS salientouse a relevancia de desenvolver accións conxuntas con entidades deportivas e institucionais de toda Galicia, unindo os valores do deporte co espírito solidario que representa a doazón de sangue. Ademais, lembrouse que en 2025 se realizaron en Lugo 3.342 doazóns, unha cifra que supón 33 doazóns por cada mil habitantes e ano, por baixo da media galega, polo que se agarda que campañas como esta contribúan a mellorar estes datos.