A AECC e o Club Deportivo Lugo únense na loita contra o cancro de mama

LugoXa
O club albivermello amosa o seu apoio á asociación lucense cun brazalete rosa, accións solidarias e un saque de honra protagonizado por unha paciente
Campaña-Cancer-Mama-Club-Deportivo-Lugo
17 Oct 2025

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Lugo e o Club Deportivo Lugo uniron forzas con motivo do Día Mundial Contra o Cancro de Mama, que se conmemora este domingo, 19 de outubro.

O presidente albivermello, Ronald Baroni, reuniuse con José Manuel Rozas, presidente da AECC en Lugo, para fortalecer lazos, coñecer de preto o labor da entidade e expresar o respaldo do club ao seu traballo.

Esta colaboración enmárcase na campaña impulsada pola asociación baixo o lema 'Nolo tomamos a peito', coa que se pretende poñer o foco nas persoas e visibilizar o que o cancro de mama significa máis alá do diagnóstico e do tratamento, destacando o papel das pacientes e superviventes, das súas familias e amizades.

Durante esta fin de semana, todos os equipos da estrutura albivermella lucirán brazaletes rosas como mostra de apoio á AECC e á loita contra o cancro de mama. Ademais, o club desenvolverá distintas accións solidarias coincidindo co encontro que o primeiro equipo disputará este sábado ás 18:30 horas no estadio Anxo Carro fronte ao Celta Fortuna.

Antes do inicio do partido, ambos conxuntos saltarán ao terreo de xogo coa mesma simbólica identificación rosa e posarán xuntos diante dun toblerone conmemorativo polo Día Mundial Contra o Cancro de Mama. O saque de honra correrá a cargo dunha paciente da asociación, nun emotivo xesto de homenaxe a todas as persoas que loitan cada día contra esta enfermidade.

Así mesmo, habilitarase un posto solidario xunto á tenda oficial CDLUStore no Anxo Carro, onde se poderá adquirir material da AECC. O club fai un chamamento a todos os seus abonados e afeccionados para que colaboren coa iniciativa, tanto o día do partido como de forma online.

⚙ Configurar cookies
0.072958946228027