A alcaldesa de Lugo pídelle á Xunta celeridade no desenvolvemento dos traballos da Estación Intermodal

LugoXa
“Empezaron tarde e levamos tempo advertindo de que o ritmo de execución non é o adecuado para cumprir os prazos acordados", critica a rexedora lucense
proxecto-estacion-intermodal-lugo3
28 Nov 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, informou de que o Goberno autonómico solicitou unha modificación orzamentaria para a obra da nova estación de autobuses que constrúe no marco do proxecto da nova Estación Intermodal de Lugo de acordo ao convenio subscrito a tres bandas polo Concello, o Goberno central e o Executivo galego.

Esta petición, que obriga a convocar a comisión de seguimento constituída para o desenvolvemento da dotación, tradúcese en que o Goberno autonómico deixará de executar máis de 9,4 millóns de euros previstos para este ano e o próximo, 6 correspondentes á construción do aparcamento, que xa deberían estar executados, e 3,4 da edificación da estación, importes que solicita trasladar a 2025 e a 2026 respectivamente. Ademais, apraza tamén para o próximo exercicio o investimento en servizos auxiliares relacionados cos traballos como o servizo de vixilancia ou o de seguridade e saúde por un importe que supera os 270.000 euros.

A rexedora considera "preocupante" esta petición de modificación orzamentaria e pide ao Executivo galego celeridade no desenvolvemento dos traballos para evitar que o atraso acumulado repercuta sobre o prazo final, o que poñería en risco a intermodalidade do novo nó de comunicacións lucense.

“Empezaron tarde e levamos tempo advertindo de que o ritmo de execución non é o adecuado para cumprir os prazos acordados. Esperamos que a situación cambie e que se demostre unha vontade real de cumprir o acordado plasmada a través dunha dotación de recursos que compense a inacción deste ano”, sinalou.

“De ningún modo a falta de compromiso evidenciada ata o momento pode traducirse nun atraso na entrega da obra, xa que isto carrexaría consecuencias negativas para toda a cidadanía e atrasaría a mellorar da nosa competitividade como cidade. O obxectivo é que os viaxeiros e viaxeiras poidan utilizar desde un mesmo punto o tren e o autobús e facelo ademais de forma complementaria para cubrir as súas necesidades de traslado aforrando tempo. Algo ao que non estamos dispostos a renunciar”, concluíu Alvarellos Fondo.

0.17716193199158