A alcaldesa de Rábade mantén unha reunión co presidente da Xunta para avanzar en varios asuntos

A alcaldesa de Rábade, Reme González, vén de manter unha reunión de traballo en San Caetano co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para abordar diversos temas de interese para o municipio.
A rexedora agradece a boa disposición do xefe do Executivo autonómico coas necesidades que lle trasladou.
En concreto, ambos os mandatarios avanzaron na sinatura de varios convenios de colaboración entre ambas as administracións en materia de infraestruturas, de industria e de mellora de espazos públicos e de ocio, que se concretarán en vindeiras datas.
González agradeceu os investimentos que o Goberno galego está a facer no municipio, entre eles, a recuperación da Lagoa do Rei, a renovación da sinalización viaria no casco urbano ou a mellora e ampliación de servizos básicos en zonas rurais, á que a Xunta destinou 100.000 euros. Valora ademais o investimento de 120.000 euros que o Consello da Xunta vén de autorizar para equipar o antigo Cine Man e convertelo nun centro cultural.