A alcaldesa de Viveiro pide acordo para solicitar o amaño do peirao vello antes da súa cesión
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, anunciou que o grupo de Goberno levará ao próximo pleno municipal unha moción “para demandar a Portos de Galicia as actuacións de mellora que o peirao vello precisa antes da súa cesión ao concello”.
Nunha reunión que tivo lugar o pasado 17 outubro con Susana Lenguas, presidenta de Portos de Galicia, a alcaldesa plantexoulle entre outros asuntos a posibilidade de tramitar un convenio para a cesión do peirao vello de Viveiro.
Posteriormente, o 5 de decembro, o PP presentou no rexistro municipal unha moción sobre a concesión do peirao, que saiu adiante coa abstención do grupo de goberno, xa que consideraba innecesaria a súa aprobación por tratarse dunha cuestión xa proposta e na que se estaba a traballar.
“Xa se advertiu naquel momento que, dende Portos de Galicia, xa se nos indicaran cales serían as condicións nas que se establecería ese convenio de concesión, destacando que o espazo sería entregado a este concello no mesmo estado no que se atopa”, lembra María Loureiro.
Efectivamente, o pasado 9 de xaneiro, Portos de Galicia enviou ao concello por correo electrónico unha proposta de convenio para o uso de aparcamento en terreos portuarios.
Visto este borrador de convenio, compróbase que as condicións do mesmo son “claramente desfavorables para o concello”, que coa sinatura se compromete, entre outras cuestións, a aboar todos os gastos derivados do normal uso e funcionamento das instalacións obxecto do acordo.
A sinatura do convenio tamén suporía asumir o custo da conservación, mantemento, limpeza e, no seu caso, mellora das zonas contempladas e a licitación, contratación e execución das obras necesarias para tal efecto; así como a asumir as tarefas de mantemento de varandas, bordillos, papeleiras; de mantemento da rede de alumeado público, así como dos báculos, luminarias, e tomas de terra, e de mantemento dos distintos firmes e pavimentos, así como dos sinais de circulación.
“Nós xa explicamos en pleno que o antigo peirao do porto de Viveiro precisa dunha inversión considerable; indicouse que, por ese motivo, dende o concello se estaba valorando tanto a posibilidade de asinar un convenio con Portos de Galicia como unha posible reversión por parte de Costas e posterior cesión da titularidade ao concello, coa finalidade de establecer as condicións de cada unha destas tramitacións e valorar cal sería a mellor opción”, lembra a alcaldesa.
En vista do paso dado hai uns días polo ente autonómico, o grupo de goberno quere “solicitar a Portos de Galicia que se modifiquen as condicións do convenio proposto para que a entrega a este concello do antigo peirao do porto de Viveiro se efectúe tras realizar, por parte do ente autonómico, as actuacións de mellora necesarias que o espazo precisa, para que no momento da entrega o espazo se atope en perfectas condicións”.