A alcaldesa de Viveiro rexeita a proposta de incorporar Foz ao Xulgado de Mondoñedo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, rexeita a proposta de incorporar o Concello de Foz ao Xulgado de Mondoñedo e esixe “máis medios para solucionar o atasco no sector, non parches ou medidas temporais”.
26 Nov 2019

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, rexeita a proposta de incorporar o Concello de Foz ao Xulgado de Mondoñedo e esixe “máis medios para solucionar o atasco no sector, non parches ou medidas temporais”.

“Ante a nova aparecida nos medios de comunicación sobre unha proposta de derivación do Concello de Foz para ser incorporado ao Xulgado de Mondoñedo, apoiada polo Concello de Mondoñedo, quero facer constar o malestar do noso concello ao respecto, entendendo que como sede xudicial somos parte interesada de calquera decisión que apoia afectar á mesma”.

“As reivindicacións que fixemos, tanto por parte desta administración como por parte dos funcionarios do Xulgado de Viveiro, nunca tiveron ese obxectivo, consideramos que o exceso de volume de traballo non se soluciona con esta derivación; o problema do volume de traballo neste xulgado é de hai anos, non é algo novo e non se entende por que se plantexa agora isto”, lembra.

En opinión de María Loureiro, “a solución non é quitar e moito menos enfrontar a Mariña Occidental coa Central que, en todo caso, non sería máis que unha medida temporal ou un parche que en ningún caso supón unha solución definitiva”.

“Non permitiremos que esta proposta sirva de excusa para non crear o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Viveiro, por que é evidente que se necesita e por que, ademais, hai espazo para a súa creación”, afirma a alcadesa, que demanda ademais “máis persoal para os xulgados”.

O Concello de Viveiro propuxo e tramitou a cesión de locais de titularidade muncipal existentes no inmoble dos xulgados para poñelos a disposición da Xunta e, durante todo este procedemento, “nunca se falou da derivación dun concello ao Xulgado de Mondoñedo como solución á carga de traballo”.

“Sen saber cal pode ser a opinión ao respecto por parte dos veciños de Foz, non pode falarse dun tema así sen consultalo previamente cos alcaldes dos concellos afectados, neste caso Foz e Viveiro”, engade.

“Entendo, finalmente, que esta noticia e a forma de dala a coñecer sen falar previamente coas partes implicadas é un atrevemento; o que corresponde nesta situación non é quitar, se non establecer os medios adecuados que sirven para dar os servizos a todos os veciños e veciñas da Mariña”, remata Loureiro.

0.16265892982483