A alcaldía de Viveiro non acepta que se diga que a praia de Covas estea abandonada e asegura que a calidade da auga é excelente

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
7 Ago 2019

A moción presentada polo Partido Popular relativa á limpeza y acondicionamento da praia de Covas votouse en contra e houbo partidos que se abstiveron, polo que non saíu adiante debido ao descoñecemento e falta de información sobre as actuacións realizadas ao respecto, segundo obxecta a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro. No Pleno amosouse claramente o seu descoñecemento, segunda ela afirma, misturando a degradación da praia coa limpeza da mesma, xerando confusión que levou a que houbese abstencións. Non se acepta que se diga que a praia de Covas se atopa en estado de abandono cando conta coa certificación de AENOR, que é a principal entidade certificadora deste país, e cos certificados de calidade Q de Calidad, ISO-14001 e EMAS, sentencia.

Estas manifestacións realizadas por parte do Partido Popular fanlle a Viveiro un flaco favor, aparte de non ser certas, son totalmente desfavorables, especialmente nesta época turística.

Tal e como se explicou no pleno por parte da alcaldesa a degradación da praia non é competencia do Concello facendo referencia a que hai unha plataforma para a súa defensa e por parte do Concello falouse con Portos e con Costas. Cren que unha cousa é a limpeza do día a día e outra a degradación. 

Por parte do PP sinaláronse actuacións que se requiren deste concello para a súa execución na praia, demostrando unha total desinformación sobre os labores que xa se veñen realizando, segundo a alcaldesa. Xa se manifestou no pleno que no verán a praia límpase todos os días por persoal a pé, dende as 7:00 ás 12:30 horas; ademais, dende hai anos, realízase unha recollida selectiva de residuos; actualmente, na praia hai 11 illas de reciclaxe, aparte dos contedores e papeleiras do paseo marítimo.

Na praia hai papeleiras para lixo orgánico, envases lixeiros e papel; antes había tamén para o vidro, pero quitouse porque se viñan recollendo cantidades insignificantes. Agora, o persoal de limpeza, cando retira as bolsas, se detecta algún envase de vidro xa o deposita directamente no contenedor apropiado, matiza Loureiro.

No que sí se manifesta conformidade é no referente á necesidade de eliminar as herbas, sendo o goberno local o primeiro interesado en mellorar esta situación, pero os ecosistemas dun areal están superprotexidos e aínda que non sexa Rede Natura non se pode actuar sen máis, sinala.

O ano pasado a Xunta de Galicia levou a cabo unha campaña para erradicar a uña de gato e, este ano, o Concello está realizando os trámites para poder facer unha limpeza; trátase dunha actuación complexa, que require da conformidade das administracións competentes e di que están traballando na memoria. O mantemento dos lavapés, das fontes, das duchas e demais elementos xa se está facendo; de feito, ao ter as certificacións, é un dos asuntos sobre os que hai que levar un control exhaustivo e, polo tanto, o persoal de limpeza comproba de maneira diaria que todo funcione correctamente e hai un protocolo a seguir para o seu mantemento, tanto preventivo como correctivo. 

O volteo de area faise mecanicamente cada 10 ou 15 días, entendendo que non é necesario facelo con máis frecuencia; ademais, todas as directrices europeas a nivel medioambiental insisten en non abusar desta práctica. A desinfección e o despedregado da area non se consideran necesarios. Na praia de Covas non hai unha presenza destacable de pedras; de todos xeitos, cando se ve algunha que pode supoñer un risco para os usuarios xa se retira, engade a alcaldesa.

RÍOS. Con respecto ao adecentamento ou canalización da desembocadura dos ríos de Loiba e Cantarrana, xa se explicou no Pleno que as directrices de Augas de Galicia establecen que é competencia municipal a limpeza de determinados tramos dos ríos previa concesión, pola súa parte, da correspondente autorización. O Concello de Viveiro presentou comunicación previa para a limpeza do río de Cantarrana o 16 de maio de 2019, comunicándose por parte de Augas de Galicia en data 3 de xuño de 2019 que se debe tramitar mediante o procedemento de autorización; a solicitude de autorización para o río de Loiba presentouse en data 6 de xuño de 2019, por parte de Augas de Galicia realizouse un requirimento en data 17 de xullo -que xa foi contestado- e ambos expedientes continúan en tramitación. 

Así mesmo todos os auditores que visitan a praia de Covas adoitan felicitar ao concello pola súa xestión; a clasificación sanitaria final das augas de baño de Covas é de excelente, un resultado que só concede cando os resultados das analíticas realizadas durante os catro anos anteriores foron bos, un mal resultado nunha única analítica provoca que durante catro anos esa propia non poida contar con este resultado, supoñendo un aval máis para demostrar a calidade deste areal. 

En canto ao estado da praia débese seguir traballando para evitar o seu deterioro,  Costas fixo un estudo ao respecto, barallando tres opcións.

Por todo o exposto debe quedar claro que non se debe misturar a rexeneración da praia coa súa limpeza.

0.1758508682251