A ampliación do paseo do río Rato contará cun investimento de 2,6 millóns de euros

O Concello de Lugo e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil alcanzaron un convenio de colaboración para prolongar o paseo do río Rato ata o seu nacemento, unha actuación que se insire nun proxecto integral de protección fronte a inundacións cun investimento estimado de 2,6 millóns de euros, sendo financiado maioritariamente pola Confederación, que achegará 2.470.000 euros (95 %), mentres que o Concello participará con 130.000 euros (5 %).
O proxecto, que se formalizará en XGL, centrase no tramo alto do río e pretende recuperar o espazo fluvial desde a perspectiva hidromorfolóxica, ambiental e de naturalidade, habilitando mecanismos que mitiguen os desbordamentos naturais e reduzan os riscos de inundación. A
demais, permitirá detectar e solucionar incidencias na rede de saneamento e nos seus alivios, ao mesmo tempo que se recuperarán as beiras do río para o disfrute da cidadanía, combinando zonas de paseo e estancia coa restauración ecolóxica do contorno.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, subliñou a importancia deste proxecto, cualificándoo como “un fito histórico para a cidade”, e destacou que permitirá transformar o acceso dos barrios da zona norte ao gran cordón verde urbano, reforzando o compromiso cun modelo de cidade máis verde, accesible e agradable para vivir.
Pola súa banda, o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, destacou o carácter ambiental e preventivo da actuación, sinalando que permitirá compatibilizar a protección de persoas e bens coa recuperación ecolóxica do río mediante solucións baseadas na natureza, mellorando o comportamento hidrolóxico e a integración do río no territorio.