A Anpa do Ceip Castro de Ouro de Alfoz entrega máscaras aos nenos

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Ante a recente obriga de que os nenos utilicen máscara cando están en risco de contacto con persoas que non son do propio domicilio, a Anpa do Ceip Plurilingüe Castro de Ouro de Alfoz comezou a entrega de máscaras para nenos  e nenas de 3 a 12 anos de idade.
andaina friol
3 Xuño 2020

Ante a recente obriga de que os nenos utilicen máscara cando están en risco de contacto con persoas que non son do propio domicilio, a Anpa do Ceip Plurilingüe Castro de Ouro de Alfoz comezou a entrega de máscaras para nenos  e nenas de 3 a 12 anos de idade. 

Esta iniciativa non beneficiará soamente aos alumnos do centro, senón que se estenderá a todos os nenos de Alfoz en idades escolares de infantil e primaria, así como a aqueles que inicien o curso no vindeiro mes de setembro. Segundo indican desde o colectivo “pensamos que o máis axeitado pola nosa parte é repartir máscaras para todos os nenos e nenas desas idades do Concello, independentemente de que formen parte da nosa comunidade educativa ou non”. Tamén recordan que deixarán máscaras a maiores no Ceip para aqueles alumnos e mestres que precisen delas ao incorporarse ao centro ou que non as recibiran no seu domicilio.

As máscaras están feitas con tea 100% algodón de dobre capa e contan cun clip nasal axustable e un bolso inferior para colocar un filtro de TNT (Téxtil Non Tecido). Con cada máscara inclúense dous filtros TNT para os dous primeiros usos, xunto con unha carta e unhas instrucións de uso para as mesmas.

Desde Anap do Ceip Plurilingüe Castro de Ouro de Alfoz, queren dar as grazas aos colaboradores externos e algún membro da propia Anpa que se ofreceron a confeccionar tanto as máscaras como os saquiños de tea nos que se entrega cada pack. Tamén agradecen a implicación dos traballadores de correos que colaborarán no reparto.

Ademais, de cara ao vindeiro curso escolar, desde o colectivo queren convidar ás familias “a formar parte da nosa comunidade educativa, na cal será máis sinxelo adoitar as medidas preventivas establecidas pola administración, debido ao baixo número de alumnos no centro, o cal supón outra vantaxe engadida nestas circunstancias”. 

A Anpa do Ceip Plurilingüe Castro de Ouro de Alfoz quere enviar a todas as familias unha mensaxe de ánimo “nesta difícil situación que se nos presenta a todos, debido á necesidade de manter o menor contacto social posible polo perigo de contaxio do COVID-19”. 

0.15218186378479