A ANPA do CEIP Veleiro Docampo organiza un campamento de verán en Castro Ribeiras de Lea

A Asociación de Nais e Pais do Alumnado do CEIP Veleiro Docampo de Castro Ribeiras de Lea pon en marcha un novo campamento de verán dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 14 anos. Trátase dunha iniciativa pensada para facilitar a conciliación familiar durante as vacacións escolares e ofrecer unha alternativa de lecer educativo.
O campamento desenvolverase nas instalacións do CEIP Veleiro Docampo entre os días 22 e 30 de xuño. As actividades realizaranse en horario de 9.00 a 14.00 horas, aínda que tamén haberá servizo de madrugadores desde as 7.30 horas para atender as necesidades das familias.
Durante as distintas xornadas, os participantes poderán desfrutar dun amplo programa de actividades que incluirá xogos, deporte e propostas de animación adaptadas ás diferentes idades.
As inscricións xa están abertas e poderán formalizarse ata o vindeiro 16 de xuño. A organización lembra que as prazas son limitadas e recomenda ás familias interesadas realizar a inscrición canto antes.
Esta actividade está promovida pola ANPA do CEIP Veleiro Docampo e conta co apoio do programa Corresponsables, impulsado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e o Ministerio de Igualdade.