A APEC reuniuse coa alcaldesa de Lugo para impulsar o desenvolvemento urbanístico da cidade

Parte da directiva e socios da Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC) mantivo unha reunión coa alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, para resolver dúbidas, atender as demandas dos construtores e explicar os avances e proxectos máis inmediatos relacionados co desenvolvemento urbanístico da cidade.
A cita, na que tamén participaron o presidente de APEC, José Manuel Rodríguez Espiñeira, e varios membros do Servizo Municipal de Urbanismo, serviu para facer balance dos avances logrados nos últimos meses e abordar as perspectivas de futuro para a cidade.
Tanto a alcaldesa como o presidente de APEC destacaron o dinamismo experimentado no servizo municipal de Urbanismo. Paula Alvarellos subliñou que a axilización nos procesos administrativos é fundamental para o crecemento equilibrado de Lugo. "Conseguimos avanzar cara a un dinamismo urbanístico, conscientes de que é clave para o crecemento da cidade, reforzando os servizos municipais e impulsando a axilización da tramitación, especialmente na concesión de licenzas", destacou a rexedora.
Rodríguez Espiñeira coincidiu con Alvarellos ao poñer en valor o incremento nas licenzas concedidas, que se están outorgando con maior rapidez grazas ás melloras na atención presencial e nas modificacións puntuais do Plan Xeral de Ordenación Urbana, como as relacionadas coas alturas. "O incremento do número de licenzas é unha realidade que está aí; tamén houbo cambios positivos na atención presencial e consideramos moi importante as modificacións puntuais do Plan Xeral", afirmou o presidente da APEC.
VALORACIÓN DOS CAMBIOS DESTE ANO
Na reunión, que tamén contou coa presenza do director xeral de Urbanismo, Hipólito Pérez, e de membros do Servizo de Arquitectura, Patricia Vázquez e Susana Penedo, os responsables municipais fixeron balance dos cambios introducidos no último ano.
Destacaron a incorporación de máis persoal no servizo e a modificación dos procesos de tramitación, co obxectivo de simplificar e agilizar os procedementos. Grazas a estas melloras, agora é posible resolver licenzas de obra menor de ata 300.000 euros sen necesidade de pasar pola Xunta de Goberno Local.
A alcaldesa puxo en valor os logros acadados, como as licenzas concedidas nos últimos días por un valor de 1,4 millóns de euros para diversas obras e promocións ou os 6,9 millóns de euros aprobados a semana pasada. "En 2024, concedéronse 256 licenzas, 188 novas vivendas e 1.821 comunicacións previas para reformas en vivendas e naves. Todo isto supón unha inversión na cidade de máis de 100 millóns de euros", subliñou Paula Alvarellos.
Durante a reunión, tamén se informou aos promotores sobre os avances na tramitación de oito sectores de solo, que permitirán o desenvolvemento de 650.000 metros cadrados de solo industrial en zonas clave de Lugo, así como outros 100.000 metros cadrados de novo solo residencial.
Os construtores mostraron gran interese polas actuacións para impulsar o desenvolvemento do centro histórico da cidade, para o que se están a redactor unha nova Ordenanza Reguladora do deber de Conservación e Rehabilitación das Edificacións. Esta orde, en fase avanzada de redacción, pretende evitar a proliferación de inmobles degradados no centro de Lugo.
O encontro serviu tamén para abordar posibles vías de colaboración entre a APEC e o Concello de Lugo. Un dos temas tratados foi a creación de Unións Temporais de Empresas (UTEs) para evitar as baixas temerarias nas obras públicas, así como a promoción de iniciativas para impulsar a rehabilitación no centro histórico a través de promotores privados. Tamén se falou da necesidade de abordar a escaseza de empregados cualificados no sector da construción, un dos principais retos que enfronta o sector na actualidade.
José Manuel Rodríguez Espiñeira destacou que a APEC agrupa a uns 800 membros, entre empresas de construción, promoción, edificación e rehabilitación, que dan emprego a preto de 3.000 traballadores na provincia. Este encontro, que se enmarca dentro dunha serie de reunións previstas entre a alcaldesa e a APEC, supón un paso importante cara á colaboración entre o sector privado e o Concello para seguir impulsando o desenvolvemento urbanístico de Lugo e mellorar as condicións para os profesionais da construción na cidade.